Skip to main content
Alfoz

Os populares de Alfoz esixen a reparación da ponte de Centoi nunha estrada provincial

Por 4 Decembro, 2018Sin comentarios

Os populares de Alfoz esixen a “mellora inmediata da seguridade da ponte de Centoi da estrada provincial LU-P-0207 que comunica Reigado con Lagoa”. O voceiro municipal do PP, Juanjo Fraga, explica que “esta ponte está sen arranxar dende que a pasada primavera se rexistrara un accidente neste punto onde un coche caeu ao río”.

“Dende aquela -apunta o popular- nin a Deputación, que é a titular da vía, nin o Concello, por ser a administración máis próxima aos veciños e polo tanto coñecedora da situación, non fixeron nada. Nin sequera sinalizar ben”, lamenta Fraga.

“Sen elementos de seguridade; a ponte constitúe un serio perigo para os usuarios desta estrada provincial. Pero, aínda por riba, leva moitos meses sen unha sinalización axeitada polo que puido terse repetido algunha caída máis ao río”, lamenta o popular.

É máis, “incluso a cinta colocada para sinalizar tiveron que empatala os veciños porque o perigo non estaba sinalizado despois das crecidas do río”, engade Fraga.

Abandono

Así mesmo, Juanjo Fraga considera que “esta é outra mostra máis da falta de atención e o total abandono que sufrimos os veciños de Alfoz”. Pero, a este exemplo hai que engadir outro similar. “Cada vez que chove abundantemente, a ponte de Guilifonso na estrada municipal que comunica o noso municipio co de Abadín tamén se ve afectada. Con todo, en lugar de arranxala, o Goberno local opta por botarlle area no burato. Pero esa non é a solución. Así o demostra que, despois de dous anos nesta situación, o problema segue a aparecer cando chove moito”, explica.