Skip to main content
Ribadeo

O Concello de Ribadeo destinará axudas para a repoboación de frondosas

Por 5 Xaneiro, 2019Sin comentarios
O Concello de Ribadeo concederá axudas municipais para repoboar terreos con frondosas. Para explicar este novo proxecto haberá unha xornada de sensibilización o vindeiro 15 de xaneiro ás 20:30 horas na Casa do Mar. Trátase dun paso máis tras a campaña de limpeza das faixas de protección fronte aos incendios forestais que o Concello veu desenvolvendo nos últimos meses.

O alcalde, Fernando Suárez, lembrou que “desde o Concello de Ribadeo levamos mais dun ano cun traballo modélico e que poucos ou case ningún concello nin institución quixo levar adiante. Non se trata doutra cousa que a de cumprir as leis vixentes en materia de protección contra os incendios forestais, especialmente as vivendas e como non as vidas humanas, para que cando se produce un lume forestal non teñamos que laiarnos despois del polo que puido ser, polo que se tiña que ter feito, etc. E logo non se fixo”.
O rexedor explicou que “de aí que o Concello requiriu formalmente, individual e colectivamente aos propietarios de mais de 700 parcelas que estaban a incumprir a lexislación en materia de distancias de plantación de especies altamente combustibles con respecto ás vivendas e aos núcleos rurais. Foi un traballo moi complexo, moi duro e ao principio, só ao principio, e quizais non ben entendido por algúns. Pero temos que dicir que ao pasar do tempo, moitos propietarios, moitísimos foron adaptando as súas parcelas ás leis e foron cortando as superficies que estaban preto das vivendas. Desde o Concello de Ribadeo estimamos que a día de hoxe aproximadamente o 80 por cento destes requirimentos foron cumpridos ou están en fase de cumprimento (ao ter que agardar algúns deles por permisos de augas, de patrimonio, de estradas…)”.
Suárez Barcia engadiu que “a parte restante, a que non fixo caso, a que se nega, ben por seren de propietarios descoñecidos ou porque non se poñen de acordo porque o terreo é de varios ou porque simplemente pensan que non vai con eles, debemos dicir que desde o Concello estamos nestes días identificando as fincas para proceder á execución subsidiaria a través de empresas especializadas. E que posteriormente lles pasaremos o custo de todo este traballo”.
O alcalde ribadense subliñou que “pero ademais de todo isto, queremos dar un novo paso moi importante: Queremos recoñecer o esforzo de adaptación dos que si fixeron caso, que foron moitos, e desde o Concello queremos botar unha man na repoboación destes espazos limpos para evitar que volvan retroñar, sabendo que esta norma débese cumprir cada ano e non unha soa vez. Para iso, a mellor maneira é a de repoboar con especies frondosas coma os freixos, castiñeiros, nogueiras, carballos, cerderias, bidueiros, etc”.
Fernando Suárez seguiu a relatar que “para isto o Concello acaba de habilitar unha partida inicial de 6.500 euros para os propietarios de terreos que o soliciten. O Concello de Ribadeo encargará a un viveiro e posteriormente entregará estas especies frondosas, que están contempladas na normativa da Lei de Montes de Galicia, no número necesario para cumprir os límites que esta lei establece para Solo Forestal e Solo Agropecuario, isto é 1 unha árbore frondosa por cada 49m2 en forestal e 1 árbore frondosa de froito por cada 100m2 en agropecuario”.
O rexedor manifestou que “para axudar a explicar todo isto temos planificada unha charla pública sobre as faixas de protección dos núcleos habitados fronte aos incendios forestais, que se desenvolverá o vindeiro 15 de xaneiro ás 20:30 horas na Casa do Mar. Será impartida polo técnico de Medioambiente do Concello así como por persoal técnico do Distrito Forestal da Mariña”.