Cervo presentará un orzamento de 7,7 millóns de euros

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Facenda, Dolores García Caramés, debullaron o orzamento previsto para este ano 2019, que vai ser presentado ante a Corporación Municipal na Comisión de Facenda, e que quedou pechado finalmente en 7.710.667, 27 euros, unha cifra nivelada entre gastos e ingresos.

O rexedor destacou as partidas dirixidas ao impulso da actividade do tecido asociativo do municipio “ao que destinamos máis de 200.000 euros en forma de subvencións nominativas ás diferentes asociacións culturais e deportivas que contribúen a dinamizar as nosas vilas a través da programación de diferentes eventos ao longo de todo o ano”.

Ademais, nos orzamentos (dentro do mesmo apartado de transferencias correntes) tamén cobra especial relevancia o programa de formación xuvenil a través de bolsas remuneradas que temos implantado desde o 2013 para o que destinamos 140.000 euros do orzamento deste próximo ano. Cremos que é unha iniciativa que está a dar resultados, e que ten como obxectivo “ofrecer á xuventude ese primeiro contacto co mundo laboral, reforzando a súa aprendizaxe para logo enfrontarse a un mercado laboral cada vez máis esixente e competitivo”. Nestes anos, 80 mozos e mozas do municipio realizaron estas bolsas en diferentes dependencias do Concello.

Dentro do orzamento tamén destacan, por exemplo, tal e como precisou Caramés, as partidas destinadas aos Servizos Sociais, que son de xestión municipal directa, con 481.522 euros; ou á Educación con 376.505 euros, na que se inclúen, ademais do servizo da Escola Infantil Municipal e o mantemento das instalacións educativas, as axudas que se destinan ao transporte, ás ANPAS ou aos centros escolares do muncipio para contribuír cos seus gastos de funcionamento diario.

A edil de Facenda quixo así mesmo subliñar o apartado de Investimentos Reais que incrementamos en 120.000 euros con respecto ao pasado exercicio, superando o millón de euros “porque a nosa intención é seguir esa liña que vimos marcando nestes últimos anos co fin de mellorar a calidade de vida dos nosos veciños, investindo naquelas infraestruturas esenciais que moitas veces non se ven, como as melloras na rede de abastecemento ou o achegamento do saneamento aos núcleos rurais; dotándoos de servizos de calidade para os seus habitantes, e coas que tamén tentamos favorecer o asentamento de nova poboación nas nosas aldeas”. Ademais esta partida tamén contempla melloras importantes en infraestruturas en todo o termo municipal.

Ademais, recordamos que o Concello de Cervo rematou o ano cunha débeda bancaria que, por primeira vez, está por debaixo do millón de euros, concretamente sitúase en 937.723,73 euros, entre os dous préstamos en vigor.

Tal e como precisou Villares en días pasados, “xa poderiamos ter amortizados estes créditos, pero como un deles non xera xuros e o outro apenas –pagáronse 110 euros no ano 2018-, optamos por destinar estes cartos a materializar proxectos e mellorar servizos fundamentais para a veciñanza, como as redes de saneamento ou abastecemento de auga”.

O alcalde destacou así mesmo vai uns días a importante redución da porcentaxe da débeda viva –resultado de dividir a débeda bancaria entre os recursos do Concello- que se situaba no 1999 no 151%, que é do 14,3% ao remate deste ano e a previsión é que rolde o 10% a 31 de decembro de 2019.

Etiquetas