A Sorbona de París distingue a curta do burelao Adrián Canoura

O cineasta burelao Adrián Canoura móstrase moi satisfeito polo feito de que Nicole Brenez, profesora da Universidade da Sorbona en París, destacara a súa cinta Caerán lóstregos do ceo como unha das mellores películas do ano 2018. “Nicole Brenez é unha das persoas máis reputadas no panorama da sétima arte de vangarda”, di Adrián, “estar nunha lista con autores tan importantes coma Jean Luc Godard ou Nicola Klotz é case máis importante que conseguir algún premio”.

Caerán lóstregos do ceo é o último traballo do burelao, unha obra de aproximadamente 26 minutos feita con poemas de Follas Novas de Rosalía, que indaga nos significados do trono e o lóstrego, e percorre territorios entre a realidade e o mito. Foi gravada en diferentes lugares da comarca mariñá, pero tamén no Saviñao entre outros. Esta curta xa lle deu algunha que outra satisfacción, xa que conseguiu dous premios na última edición de Filmadrid, o de mellor película na sección vangarda, na que competía con outras doce peliculas internacionais,  e o premio Camira (Cinema and Moving Image Research Assembly), que outorga unha asociación internacional de críticos. A cinta xa estivo en varios países e agora vai estar en Francia, e ttamén estará no festival de Toulouse en febreiro.

Etiquetas