Skip to main content
ActualidadeLourenzá

O Centro de Interpretación da Faba, cinco salas para un coñecemento profundo

Por 10 Xaneiro, 2019Sin comentarios

O Centro de Interpretación da Faba, promovido polo Concello de Lourenzá, abriu as súas portas en outubro do ano 2004. Este Centro naceu co obxectivo de difundir as características da leguminosa e as técnicas de cultivo tradicionais que dende hai séculos se empregan na Mariña lucense.

A materialización do proxecto foi posible grazas aos fondos europeos do Plan Leader Plus Terras de Miranda.
As instalacións divídense en 5 espazos, a primeira chamada A faba no mundo onde se achega información sobre a orixe e evolución da especie arredor do mundo. A información estrictamente botánica, o descobremento de América e os costumes dos diferentes pobos constitúen os fíos conductores desta sala.
Na segunda zona A Faba de Lourenzá, amosanse por que sobresaen de xeito especial as fabas que se cultivan no Val de Lourenzá. A terceira zona é a Sala do túnel, un dos espazos máis impactantes do Centro de Interpretación é este túnel cego de pedra, que mide 18 metros de lonxitude e lles serviu aos monxes como pasadizo de fuxida. Nel, baixo unha plataforma de vidro, podense ver diferentes apeiros empregados tradicionalmente no cultivo, recolección e procesado da Faba de Lourenzá. Na cuarta zona, a Sala Cíber, é un dos altillos do museo e está dotado de varios equipos informáticos conectados á rede, dende os que é posible consultar recursos dispoñibles sobre o tema das leguminosas. Tamén conta cunha biblioteca de obras relacionadas. A última zona, a Sala de Proxeccións, é unha sala na que se proxectan diversos traballos relacionados coa Faba, de carácter divulgativo e artístico. Precisamente a arte será especial protagonista desta zona, que acollerá diversas exposicións.
O Centro de Interpretación ofrece a posibilidade de realizar visitas organizadas, destinadas especialmente aos centros escolares. Os grupos deberán estar acompañados por alomenos un responsable que os atenderá no seu percorrido polo Centro. As visitas desenvolveranse durante o horario de apertura das instalacións, agás en casos excepcionais.
As instalacións do museo poden visitarse de luns a venres. O horario do Centro é de 9 a 14 h. e de 17 a 21 h, agás no mes de agosto durante o que estará aberto só en horario de mañá. Debe solicitarse previamente a apertura das instalacións nos teléfonos 982 12 10 06 ou 982 12 15 52.