Skip to main content
ActualidadeRibadeo

O Concello de Ribadeo adquiriu un novo etilómetro para a Policía Local

Por 10 Xaneiro, 2019Sin comentarios


O Concello de Ribadeo vén de adquirir un novo etilómetro co obxectivo de mellorar os medios cos que conta a Policía Local. O alcalde ribadense, Fernando Suárez, sinalou que se trata dun aparato avanzado, homologado e moderno, que ten valor probatorio diante do xulgado. O rexedor subliñou que se cumpre así cun compromiso adquirido nunha das xuntas locais de seguridade celebradas hai uns meses.
Suárez Barcia contou que “no ánimo que temos de mellorar os medios sempre da Policía Local, para garantir a seguridade e tamén a mellor convivencia entre a veciñanza, acabamos de mercar un novo etilómetro”.
O alcalde explicou que “este etilómetro, con toda a homologación, ven complementar outro que tíñamos, pero que era orientativo. Este novo ten valor probatorio, é dicir, emite a impresión dos resultados das probas de alcoholemia que se fagan, e teñen valor diante do xulgado”.
O rexedor dixo: “queremos que sempre dean valores negativos, porque queremos que a xente cando conduza non beba, pero en todo caso deben saber, os que así o fagan, que a Policía Local terá un etilómetro de última xeración”.
Fernando Suárez engadiu que “o prezo foi aproximadamente duns 7.000 euros. É un compromiso adquirido nunha das xuntas locais de seguridade que tivemos anteriormente entre a Subdelegación do Goberno e o Concello de Ribadeo, de que era conveniente que un concello do tamaño do noso tivera medios propios para non ter que depender en circunstancias complexas doutros que puideran ser cedidos. A partir de agora que todo o mundo saiba que a Policía Local de Ribadeo conta cun instrumento avanzado, homologado e moderno para detectar as alcoholemias ao volante”.