O PP de Burela asegura que “o alcalde e o seu equipo teñen sumido ao Concello no caos e no despropósito”

O Grupo Municipal Popular burelés acusou ao alcalde de “sumir no caos ao Concello co seu pasotismo e desidia. Agora mesmo o Concello e todo o que depende do alcalde é un auténtico despropósito”.

Os edís do Grupo Municipal Popular poñen “dous exemplos evidentes nestes días. Por un lado, a falla de organización e de xestión por parte do goberno local en relación aos servizos municipais. O Concello, no seu conxunto, funciona porque os propios traballadores fan que funcione, pero estanse a dar casos de persoal que non sabe qué facer porque o alcalde ou o concelleiro delegado non dá directrices políticas claras e concretas. Tanto é así, que algún concelleiro delegado aínda non visitou todas as dependencias da súa competencia, o que demostra o nulo compromiso dos socialistas co Concello e con Burela”.

Desde o Grupo Municipal do PP denuncian “a falta de diálogo do alcalde cos representantes dos traballadores municipais. Resulta imposible crer que tendo documentos para negociar con eles, como di que ten, o alcalde se enroque e diga que ata febreiro non haberá conversas. Isto quere dicir que ou non ten nada que ofrecer ou que a súa vontade de diálogo é máis ben escasa. Mentres tanto, o Concello como institución ve danada a súa imaxe e tamén sae moi tocada a imaxe da alcaldía do Concello e xa non digamos a do propio Sr. Llano que con esa postura non semella un alcalde democrático”.

Os populares lembran que “a Relación de Postos de Traballo actual data de 2006 e foi elaborada por un goberno do PP; e tamén foi outro goberno do PP quen elaborou outra RPT en 2015, tendo a decencia de presentarlla aos traballadores e negociar con eles, aínda que ao final non se chegou a aprobar. Llano prometeu que tería unha nova RPT a finais de 2016 e dous anos despois os traballadores aínda están agardando”.

Caos no servizo de recollida de lixo

O segundo exemplo que poñen os edís do PP é “o caos que existe no servizo de recollida de lixo e limpeza viaria. Hoxe mesmo puidemos saber que a empresa actualmente adxudicataria ten catro traballadores de baixa e dous de vacacións e só un está cuberto por un novo contrato. É dicir, de dezaseis traballadores a cuarta parte está de baixa co que resulta imposible levar a cabo o servizo cun mínimo de calidade”.

Os populares lembran que “esta situación xa a denunciamos en máis ocasións, e o alcalde empéñase en mirar para outro lado e non facer nada prexudicando os intereses xerais dos veciños e do Concello. Pero os cidadáns estamos pagando cos nosos impostos por un servizo que con esas baixas e vacacións sen cubrir non se está a facer como se debería. En todo caso, se hai menos traballadores dos que debería, o Concello debería pagar menos”, consideran.

Así, os populares presentaron “un escrito solicitando a revisión das facturas emitida pola adxudicataria en 2018 para ver se o Concello está pagando correctamente ou está pagando aínda existindo presuntos incumprimentos do contrato”.

Etiquetas