Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXAFoz

Medio cento de empresarios focenses asistiron á conferencia Impulsa o teu negocio

Por 22 Xaneiro, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

Medio cento de persoas asistiron na Casa da Cultura de Foz á charla ¿Es escravo ou dono do teu negocio? pronunciada polo mentor Alberto Ferreiro. A actividade foi organizada polo Centro Comercial Aberto e enmárcase no ciclo de conferencias Impulsa o teu negocio que se desenvolven este mes.
Ferreiro, que é empresario, conferenciante, mentor e formador de emprendedores, referiuse á situación pola que atravesan moitos autónomos que pensan que é preciso traballar sen descanso para sacar os seus negocios adiante, que non se poden fiar de ninguén, que o teñen que facer todo sos e que hai que montar negocios que dean cartos aínda que un non sexa feliz. O mentor que onte estivo en Foz dixo que os autónomos se queixan moito, pero que non fan nada por atopar solucións, por saír da zona de confort na que se atopan instalados: “conformámonos con ir tirando, cremos na sorte. Os medos que invaden a este colectivo fano ser o seu propio escravo. Cremos que todo se consigue con dor e sufrimento e iso non é así”. Referiuse ao custe persoal que para un autónomo pode ter esta faceta da súa vida laboral e aludiu a problemas de saúde como ansiedade, estrés, infartos, etc… O prezo que hai que pagar non pode ser tan alto e tan arriscado.
No transcurso da charla, na que Alberto Ferreiro interactuou co público asistente, sinalou que o valor máis importante é a humildade e insistiu en que ao final do túnel sempre hai luz. Sobre a fidelidade dos clientes indicou que se forxa pola confianza, algo que tarda en chegar e que se pode desvanecer moi pronto. Ferreiro subliñou que a confianza se gaña con moita coherencia e creando cada un a súa propia marca.
A conferencia de onte resultou moi amena para os asistentes, xa que moita xente se sentiu identificada coas experiencias relatadas por Alberto Ferreiro.
A segunda conferencia, titulada Cómo converter o teu negocio nunha empresa de éxito terá lugar o luns 28 de xaneiro. Nela Alberto Ferreiro poñerá o foco sobre os puntos máis importantes que determinan hoxe en día o éxito dunha empresa, e non soamente referido á conta de resultados senón a acadar un estilo de vida que permita disfrutar ao máximo dos proxectos tanto profesionais como persoais.