Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

O Parlamento galego demanda que a Xunta forneza a formación naútico-pesqueira na Mariña lucense

Por 25 Xaneiro, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

O Parlamento de Galicia aprobou a proposición non de lei impulsada polo Grupo Popular a través da que se insta ao Goberno galego a elaborar e desenvolver da man do sector unha planificación que permita fornecer de formación náutica-pesqueira para os profesionais da Mariña lucense. En concreto, a iniciativa refírese á emisión de Certificados de Profesionalidade Marítimo-Pesqueira ou a organización de cursos para a adquisición e revalidación de competencias necesarias, ao tempo que se analiza a disposición da demanda para a implantación nos centros existentes da Mariña de ciclos de formación náutico pesqueira e da FP-Dual como a que xa está a funcionar.
O deputado popular Daniel Vega subliñou que “a comarca da Mariña de Lugo constitúe un referente no eido da pesca, albergando dous dos principais portos galegos no que á facturación en lonxa se refire, como é o caso dos peiraos de Celeiro e Burela”.
Deste xeito, manifestou que “a formación é un dos grandes aspectos que a frota e as súas tripulacións demandan para seguir mantendo unha actividade competitiva”. Así, lembrou que a Consellería do Mar realizou ao longo do pasado ano 12 cursos de formación para o sector na comarca da Mariña lucense, coa participación de arredor de 150 persoas.
Actualmente, A Mariña conta con dúas aulas de formación pesqueira: unha situada en Burela e outra en Celeiro, ademais dunha terceira na próxima localidade coruñesa de Cariño, dotadas de material para impartir cursos de formación marítimo-pesqueira.
Daniel Vega afirmou que a crise económica vivida nos últimos anos “motivou unha demanda inferior pola formación en materia pesqueira dada a falta de oferta de emprego para a xente do mar”. “Porén, a progresiva recuperación que estamos a vivir na actualidade nos motiva para poñer enriba da mesa a posibilidade de fornecer de formación naútico-pesqueira aos profesionais desta comarca, tendo presente que a Consellería do Mar mantén unha aposta decidida por unha formación de calidade, que se traduce nun incremento dos fondos destinados a este fin superior ao 32 por cento desde 2015”, apuntou.