Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXABarreiros

Pakolas actuará en Barreiros nun acto pola defensa do servizo de pediatría

Por 25 Xaneiro, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

O vindeiro domingo 27, en Barreiros, soará o rock de Pakolas para, nun concerto dirixido a nenas e nenos, facer vibrar a quen asista ao acto lúdico-reivindicativo na defensa do servizo de pediatría.
A portavoz municipal do BNG, Ana Ermida, explica que “con este acto pretendemos implicar a todo o mundo na defensa dun servizo básico para as nenas e nenos: contar con un servizo de pediatría de proximidade, calidade e permanente; garantindo o dereito á atención das crianzas por persoal especialista.”
Este acto vén sumarse a varias iniciativas que o BNG presentou desde hai meses tanto no Concello coma no Parlamento e pretende poñer o foco na reclamación unánime das veciñas e veciños de Barreiros. “Estamos seguras de que esta demanda a defende toda a poboación. Por iso quixemos organizar un acto simbólico e visual ao que poida acudir toda a  familia.”
O acto está previsto que se desenvolva a partir das 12 do mediodía na praza do Concello. Pero de facer mal tempo, realizarase no Centro Sociocultural.
Pakolas é Paco Cerdeira, autor e compositor, músico, e tamén produtor de música pensada para os mais cativos. Este é o nome co que lle gusta que o coñezan entre a poboación de curta idade. Ten longa traxetoria neste eido profesional, pasando por grupos como Mamá Cabra do que formou parte durante 10 anos; sendo fundador e formando parte de A Gramola Gominola na actualidade (compositor, guitarra e voz), e presentando tamén un proxecto individual e moi persoal para o público mais pequeno, “Pakolas”, que xa conta con un librodisco no mercado co mesmo nome (Nov 2017, ED Galaxia), e leva xirando coas súas cancións por toda Galicia dende o mes de Abril de 2017 cos seus espectáculos.