Skip to main content
ActualidadeViveiro

Viveiro valorou positivamente o seu paso por Fitur

Por 30 Xaneiro, 2019Sin comentarios

Un ano máis, Viveiro estivo presente en Fitur, a feira de turismo máis importante do noso país, desenvolvendo un papel relevante e realizando importantes xestións e contactos para consolidar este concello como destino turístico de calidade durante dos doce meses do ano.
Cómpre destacar, en primeiro lugar, as intervencións realizadas nas presentacións organizadas pola Deputación de Lugo e Turismo de Galicia na mañá e tarde do xoves, respectivamente.
Para o Concello de Viveiro foi unha honra participar na presentación que a Deputación organizou co fin de promocionar a nosa provincia dando a coñecer algúns dos numerosos eventos que se celebran ao longo de todo o ano. O primeiro dos eventos incluído no vídeo promocional foi o Resurrection Fest e na miña intervención destaquei a importancia deste festival, dende o punto de vista cultural, turístico e económico, ademais de facer referencia aos demais eventos que se celebran no concello e aos múltiples recursos que caracterizan a este municipio.
Pola tarde, tivo lugar a presentación organizada por Turismo de Galicia para dar a coñecer as celebracións da Semana Santa de Galicia que conta con distintivo de Festa de Interese Turístico. Para esta ocasión, o Concello de Viveiro organizou unha presentación na que participaron María Soledad Rey Yáñez, Concelleira de Turismo; José Veiga Golpe, Presidente da Xunta de Cofradías da Semana Santa de Viveiro; e esta Alcaldía. Neste acto proxectouse o vídeo que o concello preparou para esta ocasión, co que se intentou transmitir ao público a grandiosidade da nosa Semana Santa, incluíndo as imaxes máis presentativas das distintas procesións e actos liturxicos, ademais de varias imaxes da nosa ría, das nosas praias e do casco histórico, que serviron para contextualizar esta celebración e para dar a coñecer os recursos existentes; ademais, durante a presentación tamén se presentou o cartel da Semana Santa deste ano 2019, obra da artista viveirense David Catá, que mostra a imaxe do Santísimo Cristo da Piedade, pertencente á cofradía homónima, que este ano cumpre o 75 aniversario da fundación, adornada cun manto branco de dentes de león.
Ese mesmo día, pola noite, a Técnica de Turismo encargouse de recoller, en representación do Concello de Viveiro, o diploma de recoñecemento concedido por ter renovado en 2018 a marca Q de Calidade Turística para as praias de Covas e Area.
Ademais destes eventos e da distribución do material promocional do concello nos stands de provincia de Lugo, aproveitouse a presenza en Fitur para establecer contactos con empresas do sector. Entre os xestións realizadas cabe destacar os contactos establecidos con dúas empresas especializadas en grupos, unha de Castellón e outra de Málaga, ás que se lles explicou todos os atractivos de Viveiro e que se mostraron moi interesados.
Celebráronse reunións con diversos tour operadores, como CN Travel, Booking, Weekendesk, Tour Mundial ou Teetravel; este último é un tour operador asentado en Vilagarcía que se dedica a organizar rutas de senderismo, de bicicleta, etc. por toda Galicia destinadas ao turismo extranxeiro, especialmente para o país chino. Tamén se mantiveron xuntanzas con dúas navieras, con dúas empresas de tecnoloxías vinculadas ao turismo e cun programa de televisión que se chama Cazaaventuras, entre outros contactos, ademais de gran cantidade de charlas informais con persoal doutros expositores, nas que aproveitamos para darnos a coñecer.
Dende o concello consideramos que a nosa presenza en Fitur é fundamental tendo en conta que as presentacións, reunións e contactos referidos contribúen a promocionar o Concello de Viveiro como destino turístico, xa non só estacional, senón como un lugar con grandes atractivos que ofrece ao visitante posibilidades ao longo de todo o ano. O  turismo é fundamental para a economía local e o sector servizos, con máis do 50 % dos activos, supón a principal fonte laboral; entendemos, neste sentido, que a presenza en Fitur e a promoción do Concello de Viveiro debe valorarase como unha prioridade ou necesidade ao mesmo nivel que as obras, as inversións, as infraestructuras, etc. , cuestións todas fundamentais para o desenvolvemento e economía local.