O Illa Pancha Challenge reuniu en Ribadeo aos 24 mellores surfistas de ondas xigantes

O espectacular evento Illa Pancha Challenge tivo lugar ao longo deste mércores, na contorna da Illa Pancha de Ribadeo. Ao rematar a xornada o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, fixo entrega dos trofeos outorgados aos tres mellores surfistas, no Porto Deportivo da vila mariñá. Este evento internacional contou cunha achega de 12.000 euros por parte do Goberno Provincial, que converteu á Deputación na principal administración patrocinadora da cita.

O primeiro premio desta competición foi para Lucas Chumbo e Ian Consenza, en primeiro lugar e para Pedro Scooby e Pato Teixeira, en segundo.

Ademais, o mellor tubo foi para Lucas Chumbo, e a onda máis alta para Natxo González. Como mellores surfistas locais foron destacados Adrián Fernández e Natxo González e a mellor caída na cresta da onda (Wipeout) foi para Pato Teixeira.

Campos Conde  destacou que “despois de varias semanas de espera, por fin puidemos desfrutar destes 24 valentes que cabalgaron sobre a onda xigante do Panchorro, grandes deportistas de recoñecido prestixio internacional que fixeron de Lugo o epicentro do surf mundial. Un evento que seguiron milleiros persoas, as que se achegaron ata Ribadeo, e as que o seguiron online, a través das webcam. Unha experiencia que será difícil de esquecer para todos os mariñaos”.

Entre os participantes estiveron figuras de renome como Natxo Gonzalez, biscaíño, terceiro na competición de Nazaré de 2018; Pierre Rollet, fracés, último gañador do Punta Galea Challenge, Everaldo Pato, un dos surfistas brasileiro máis recoñecidos ou Axi Muniain, guipuscoano, experto en ondas xigantes que se atreve a surfear incluso durante tormentas.

“O surf é un dos deportes con maior crecemento en toda Europa, constitúe en si mesmo un atractivo turístico, tanto para os surfistas como para moitos seguidores, como ben demostra toda a xente que nos acompañou durante esta xornada. Desde o Goberno da Deputación cremos no surf, na súa potencialidade e nos beneficios que traerá a todos os lucenses converter A Mariña nun grande punto de interese deste deporte, atraendo a milleiros de visitantes e conseguindo desestacionalizar o turismo na provincia. Un espello no que mirarnos é a vila de Peniche, no centro de Portugal, que mantén o seu espírito e tradicións mariñeiras ao tempo que miles de turistas se achegan a ver as súas espectaculares praias cheas de surfistas” sinalou Campos Conde.

Os trofeos entregados foron feitos con materiais reciclados recollidos do mar, unha mostra máis do traballo en prol da sustentabilidade que se levou a cabo desde a organización do evento e que foi unha das claves do interese do Executivo Provincial á hora de patrocinar o campionato.

Clyde Martin, surfista sudafricano, afincado desde hai máis de 20 anos en Ferrol liderou un grupo de oito xuíces, entre os que tamén estivo Ibon Amatriain, pioneiro do surf de ondas xigantes en España e primeiro surfista en cabalgar O Panchorro. Os árbitros puntuaban as dúas mellores ondas de cada manga, cuns varemos de velocidade potencia e control, sempre na zona máis crítica da onda; a mellor onda puntuaba dobre, mentres a segunda tiña unha puntuación simple.

Etiquetas