Skip to main content
ActualidadeViveiro

O Concello de Viveiro cede un edificio á Asociación do Centro Comercial Histórico

Por 1 Febreiro, 2019Sin comentarios

O Concello de Viveiro vén de ceder o uso do local de titularidade municipal sito na rúa Díaz Freijo, número 3, á Asociación Centro Comercial Histórico de Viveiro; esta cesión de uso realízase de forma gratuíta e polo período dun ano.
A Asociación Centro Comercial Histórico de Viveiro é unha entidade sen ánimo de lucro que ten como obxectivo principal a dinamización do comercio e a hostelería da vila, organizando actividades, dando asesoramento continuo aos negocios asociados e representando os seus intereses; grazas á cesión referida, a asociación vai transladar ao inmoble a súa oficina e, deste xeito, poderá reducir os seus custes (evitando o pago do aluguer polo local que viñan utilizando ata o momento).
Coa formalización desta cesión, o concello atende unha demanda que a Asociación Centro Comercial Histórico de Viveiro formulara xa hai tempo. Dende o concello consideráse que esta cesión de uso é unha maneira de potenciar e apoiar o comercio de Viveiro; igual que se vén facendo coa asociación de hostaleiros de Covas, aos que tamén se lles facilitou un local para uso propio e reunións. Dende o concello enténdese a situación que está a vivir o comercio e por ese motivo, na medida das nosas posibilidades, continuarase a apoiando e prestando toda a colaboración posible.