Skip to main content
ActualidadeMondoñedo

Estúdase poñer en marcha en Mondoñedo unha unidade de Alzhéimer con prazas públicas

Por 5 Febreiro, 2019Sin comentarios

A conselleira de Política Social, Fabiola García, trasladoulle á alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, que este departamento autonómico estudaría a proposta da rexedora de poñer en marcha unha unidade de Alzhéimer con prazas públicas neste concello lucense.
Fíxoo durante un encontro de traballo con Candia co obxectivo de repasar os recursos de índole social que hai á disposición das veciñas e veciños mindonienses. Fabiola García reiterou o compromiso do Goberno galego coas persoas de máis idade e, en concreto, coas que padecen esta doenza.
Por outra banda, a conselleira destacou o apoio da Administración autonómica, que no último ano aumentou nun 10% as horas de Servizo de Axuda no Fogar (SAF) postas á disposición do concello, ata superar as 21.000 horas. Xa que nesta vila se está a empregar a práctica totalidade das horas asignadas, a día de hoxe non hai lista de agarda e dispoñen de coidados profesionais nos seus domicilios 56 persoas dependentes.
Unha mostra deste compromiso da Administración autonómica coas persoas maiores e aquelas que teñen limitado a súa autonomía persoal é que nos últimos dez anos cuadruplicouse o número de persoas dependentes que perciben algunha prestación, ata superar a día de hoxe os 60.000. Esta cifra, récord histórico nesta comunidade, supón unha ratio de cobertura do 88,5% e sitúa a Galicia no cuarto posto no ránking das 17 autonomías.