Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXABurela

Burela organiza a I Quedada de Vehículos Clásicos

Por 6 Febreiro, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios


O Concello, en colaboración con AutoClásicos da Mariña Lucense, organiza a I Quedada de Vehículos Clásicos que se celebrará este sábado, 9 de febreiro, na localidade. Os coches estarán de 11 a 14 horas na praza do Concello e despois realizarán unha ruta por Burela. O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey, anima a acudir a ver esta cita na que se darán cita vehículos dos anos 60 e 70.
O edil burelés anunciou que “o vindeiro sábado, día 9 de febreiro, imos ter aquí en Burela, en colaboración co Club Autoclásicos da Mariña Lucense, unha exhibición de coches antigos. Pedíronos autorización para poder facela aquí e desde a Concellería de Turismo pareceunos unha iniciativa interesante”.
Ramiro Fernández Rey  contou que “na praza do Concello, a partir das once de mañá, imos ter unha demostración de coches antigos que vai constar máis ou menos de trinta coches, dos anos 60 e 70. Entendemos que é unha actividade que pode ser interesante e que na xente seguramente esperte curiosidade os coches desa época”.
O concelleiro de Turismo explicou que “sobre as once da mañá teñen prevista a chegada á praza do Concello, e ata as dúas da tarde estarán por aquí ensinando a todos os curiosos que queiran ver todos eses modelos antigos de coches. Despois desprazaranse a un restaurante de Burela para comer, e xa pola tarde farán unha ruta que teñen planificada para dar un paseo por Burela e pola costa”.
Fernández Rey engadiu que “como Delegación de Turismo colaboramos con esta iniciativa. Entendemos que é interesante posto que este tipo de actividades tamén atraen xente a Burela e estamos encantados de poder colaborar con eles. Esperamos e invitamos a toda a xente que teña curiosidade por ver este tipo de coches, que se mova pola praza da Mariña este sábado e seguro que quedarán contentos”.
O edil burelés anunciou que “vai haber un corte de tráfico, entre Rosalía de Castro e Pardo Bazán, para que a xente se poida mover con seguridade pola zona do Concello, e repetir a invitación a que a xente poida achegarse e ver eses coches”.