Skip to main content
ActualidadeBurela

Os populares de Burela solicitarán a revisión das últimas facturas do servizo de recollida de lixo

Por 6 Febreiro, 2019Sin comentarios

Manuel Rouco, candidato do PP á alcaldía de Burela, anunciou que “o Grupo Municipal Popular presentará para o seu debate no Pleno ordinario que se vai celebrar unha moción solicitando a revisión das últimas doce facturas emitidas pola empresa Geseco, actual concesionaria do servizo de recollida de lixo, limpeza viaria e de praias e xestión do punto limpo”.
O popular indicou que “o pasado luns  o Grupo Municipal Popular solicitou por escrito ao alcalde a revisión destas facturas logo de que o propio Partido Popular presentase a principios de ano un escrito solicitando esta revisión ante os indicios de que se puidera estar incumprindo o contrato e os pregos que no seu día serviron de base para a adxudicación do servizo no que se refire á cobertura dos postos de traballo e tamén á realización de certos servizos como por exemplo o lavado de colectores e o baldeo mecánico das rúas da nosa vila, fundamentalmente”.
Rouco entende que “tódolos grupos políticos, tanto o PSOE coma o BNG, deberían votar a favor desta iniciativa; xa que se non hai problema nesas facturas e os contratos e os pregos se están cumprindo tal e como figura nos mesmos, non tería que haber ningún inconveniente para que o alcalde e o propio Grupo Socialista autorizasen a revisión destas facturas”.
O candidato do PP á alcaldía considera que “tódolos grupos políticos e tódolos concelleiros que forman parte da Corporación municipal teñen a obriga de velar polos intereses do Concello e do conxunto dos cidadáns do municipio de Burela”. Polo tanto, “calquera concelleiro ou grupo municipal pode presentar unha iniciativa deste tipo”.
Rouco indicou que, dende o seu punto de vista, “o alcalde e o Grupo Socialista deberían proceder a esa revisión para eliminar calquera tipo de dúbida que puidera haber. Nós estamos a favor de que se revisen: se todo está ben, non pasada nada; pero se hai algún tipo de problema habería que falalo coa empresa para que o Concello non saia perdendo nin a nivel económico nin con respecto á calidade do servizo que se está prestando e que, dende o noso punto de vista, deixa moito que desexar”.