Skip to main content
ActualidadeMondoñedo

Mondoñedo celebrará o seu tradicional concurso de Entroido con 5.000 euros en premios

Por 7 Febreiro, 2019Sin comentarios


Mondoñedo celebrará o seu tradicional desfile de Entroido o sábado 9 de marzo. A alcaldesa, Elena Candia, xunto ao edil de Educación, Mocidade e Novas Tecnoloxías, Alberto García; e ao presidente da Asociación de Comerciantes e Industriais de Mondoñedo (ACIAM), Ángel Marful, presentaron o cartel anunciador dos festexos deste ano, durante os que se repartirán 5.000 euros en premios
Dende o Concello anualmente amósanse comprometidos coa celebración do Entroido co obxecto de dinamizar e impulsar o tradicional desfile da cidade, “ao que acoden participantes chegados de diferentes puntos da comarca e mesmo de fóra da Mariña”, explican.
O desfile celebrarase a partir das 17:30 horas. Sairá do Campo dos Paxariños, encabezado pola carroza da raíña do Entroido, e percorrerá a Avenida San Lucas e as rúas Obispo Sarmiento, Andrés Baamonde e Progreso. Finalizará na Praza da Catedral.
O prazo de inscricións está aberto e os interesados poderán anotarse tanto a través do correo electrónico entroidomindoniense@gmail.com como no portelo da Casa do Concello (primeiro andar). Pódese obter máis información a través do teléfono 619 879 499.
A bases do Entroido mindoniense establecen a posibilidade de participar en función da idade, nas categorías infantil ou adultos. Considérase infantil a integrada por participantes menores de 12 anos e no apartado de grupos infantís, máis da metade dos seus compoñentes deben ser menores de doce anos.
Os adultos poderán anotarse nas seguintes categorías: comparsas e charangas; grupos de 3 a 10 membros; grupos de máis de dez membros;  parellas e individuais. Os infantís participarán nas categorías de grupos, parellas ou individuais.
Repartiranse 5.000 euros en premios con seis galardoados na categoría de comparsas e charangas e once premiados na de grupos tanto de adultos como infantís; ademais haberá seis galardóns para as parellas de adultos e infantís e outros seis en individuais.
A programación tamén inclúe a partir das 20:00 horas actuacións musicais na praza do Concello da man de formacións mindonienses como son a orquestra Principal e o Grupo Xuventude, “como aposta clara do Goberno local polo grupos e músicos locais”.