Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXADeportes AMARIÑAXAFoz

A Gala do Piragüismo Galego distingue ao focense Xoel García

Por 11 Febreiro, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

O Goberno da Deputación recibiu o galardón á Mellor Colaboración Institucional na Gala do Piragüismo Galego 2018 celebrada este sábado no Pazo de San Marcos. Na mesma gala na que o focense Xoel García recibiu o galardón ao Mellor Deportista Xuvenil Masculino.

O Executivo Provincial recibiu, por segundo ano consecutivo, esta distinción polo seu apoio continuo a este deporte, para o que na pasada anualidade achegou máis de 160.000 euros. Desta cantidade, 85.000 euros foron para o Programa de Promoción Provincial do Piragüismo, 20.000 para os 7 clubs lucenses desta modalidade, 19.500 euros para o mantemento da Escola Provincial, 6.000 para bolsas a padexeiros, e 30.000 euros para a celebración de eventos como a Liga Provincial de Piragüismo, a Travesía de Foz ou o Descenso Internacional do Miño.

É a primeira vez que a cidade de Lugo acolle esta Gala na que participaron o Presidente, Darío Campos Conde; o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón; a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López; o Concelleiro de Deportes, Miguel Fernández Méndez; ademais de piragüistas, adestradores e representantes dos distintos clubs de  piragüismo de toda Galicia.

Na gala, organizada pola Federación Galega de Piragüismo, tamén foron premiados ademais de Xoel García, os lucenses Cristian Toro e Tania Fernández. Tamén foron premiados os mellores equipos de cada categoría, o equipo revelación, o mellor árbitro, medio de comunicación, adestrador, mellor regata organizada, o gañador do premio Especial Xunta Directiva e os principais patrocinadores.

Lucenses Premiados

Ata 3 piragüistas lucenses, Xoel García, do Club Kayak de Foz, recibiu o galardón ao Mellor Deportista Xuvenil Masculino. Na pasada tempada conseguiu a medalla de bronce k-2 1.000 metros na categoría xuvenil do Campionato do Mundo de Sprint. O Goberno da Deputación colabora con esta promesa do piragüismo a través dunha bolsa, enmarcada na liña de axudas para deportistas individuais.

Cristian Toro (Club Fluvial de Lugo): recibiu o premio ao Mellor Deportista Sénior Masculino no ano 2018, no que conseguiu ser campión de Europa nas modalidades K-4 500 e K-2 200, e subcampión do mundo en K-2 200 e K-4 500. O lucense recibiu no ano 2016 a Medalla de Ouro da Deputación, ademais dun premio económico de 5.000 euros por ser o único medallista olímpico da provincia en activo.

Tania Fernández (Club Fluvial de Lugo): gañadora do premio á Mellor Deportista Sénior Feminina xunto coa súa compañeira Tania Álvarez. No ano 2018 conseguiu o bronce na modalidade K-2 na categoría sénior do Campionato do Mundo de Maratón, e o 4º posto na mesma modalidade no Campionato de Europa de Maratón. O Goberno da Deputación colabora con esta deportista a través dunha bolsa.

Axudas da Deputación ao piragüismo

O piragüismo é un dos deportes con máis tradición e seguimento na provincia de Lugo, que conta cun total de 7 clubs: Club Deportivo San Ciprián, Club Piragüismo Cidade de Lugo, Club Fluvial de Lugo, Club Kayak de Foz, Club Piragüismo Viveiro, Club Piragüismo Altruan, de Ribadeo e Club Montaña Quixós, de Monforte de Lemos. Co obxectivo de que esta modalidade continúe medrando na provincia, o Goberno da Deputación financiou no ano 2018 diferentes liñas de actuación.

O Programa de Promoción Provincial do Piragüismo: o Executivo Provincial destinou en 2018 unha achega de 85.000 euros para o desenvolvemento desta iniciativa a través dos clubs lucenses, co obxectivo de  achegar este deporte a toda a poboación, tanto en idade escolar como adulta, mediante o desenvolvemento de actividades específicas e a posta en común de medios e persoal cualificado. Entre as diferentes accións que este orzamento permite levar a cabo, atópanse:

  1. Promoción nos centros educativos a través da campaña “Deporte Educación”. No último ano, participaron en este programa 3.547 alumnos de 35 colexios de 15 Concellos da provincia.
  1. Desenvolvemento do programa federado: asesoramento técnico nos procesos de adestramento aos clubs, realización dun control e seguimento destes procesos e dos resultados competitivos e académicos aos padexeiros lucenses a través de visitas aos clubs e concentracións.
  1. Desenvolvemento de xornadas técnicas, cursos de formación e accións docentes necesarias para a formación dos técnicos dos clubs.

Colaboración de 20.000 euros cos 7 clubs de piragüismo da provincia, a través da liña de axudas de concorrencia competitiva para contribuír a sufragar os gastos derivados da tempada.

Bolsas para os padexeiros lucenses: 13 axudas por un valor total de 6.000 euros.

– Achega de 19.500 euros para os gastos correntes e de mantemento da Escola de Piragüismo.

Organización de diferentes eventos como: a Liga Provincial, o Descenso Internacional do Miño ou a Travesía de Foz, para os que o Executivo Provincial achegou 30.000 euros.

Outras axudas ao piragüismo nos últimos anos

Unha das actuacións máis destacadas do Goberno da Deputación en apoio ao piragüismo nos últimos anos, foi a construción dun novo hangar de piragüas en Foz. O Executivo Provincial financiou en solitario con 100.000 euros o edificio, que supuxo un novo pulo para o desenvolvemento de labores de formación e promoción do piragüismo na Mariña.