A ti, pequeno Julen

Por Ramón Hermida Pumares

Ogallá este artigo publicado fai uns anos forneza os mesmos efectos co pequeno Julen. Por desgraza a historia repítese.

Nin pitidos, nin apupos nin gaitas, só bágoas. Bágoas, ríos de bágoas de todo o mundo horadaban montes e montañas, cruzaban ríos, océanos e vales para cantar Salve Mariñeira á vida que se estaba afogando en dique seco a 700 metros de profundidade de calquera deserto, alá en Chile.

Cadáveres vivos con sepultura baixo sete chaves enterrados o 5 de agosto e respirando ata o 13, día de calquera Virxe, advocación segura de calquera remedio, aínda que se celebre na cripta da mina San Xosé. Non só moveu montañas a fe, moveu corazóns en todo o mundo para que o sentir, o respirar dos millóns de espectadores que fixeron seu cada rescate insuflara ánimo e valor e fe e esperanza e todas as Virtudes Cardinais…

Loito negro, negro como o pozo que os retiña, choro oculto sen voz de angustia, a emoción non daba para máis, a dor rouba os sentimentos porque a dor é impotencia. Veas, só veas para ver algunha luz, algunha chama, algo claro que entreteña a dor e non desbasta a morte.

Imaxínome unha liña recta ao horizonte, pero ao centro da terra, alí onde Dante colocou o inferno vermello de cardeais, púrpura de bispos, con papanatas sen moscas pero preñados de vicios, costa, hai que soñala, é como unha voz no deserto, pérdese, só contesta o baleiro, nada?, a nada.

Estes 700 metros non conducían ao inferno, por sorte, que inxusto sería o Creador!, senón ao útero da terra, ao limbo. Alí estaban 33 embrións que de pecadores só tiñan o ter que traballar.

Que lección maxistral deunos a Humanidade a cada un dos millóns de espectadores que habemos ir empuxando, con respiración axitada coma nun parto, o rescate de cada mineiro! E é que, ás grandes dificultades, pónselles coto cando se pon a andar a máquina do esforzo compartido, do voluntariado implicado, non vos parece?

Chapuza, quítame alá esa palla!, saltamos rápido para marcar terreo. Que terreo? Mequetrefes os minifundistas parcelarios do seu propio embigo! Non vos dais conta de que o home, cada home é un mundo e ten os seus amores, os seus soños, as súas vivencias, pero sobre todo ten aos homes de todos os mundos para levantalos nas vitorias. Non señores, o home non é lobo para o home, o home triunfa, o home acerta, o home suma, o home é heroe. Dicídeme senon, millóns de persoas admirando, aplaudindo, chorando ao ver que o home é un ser de capacidades, cousa que moitas veces esquecemos porque a anécdota, o descoido, non deixa ver o excepcional de cada ser humano.

En voz de rumoreo, dicirche Chile que, entre os millóns de espectadores que sumaron as súas forzas para que o parto do val fose máis levadeiro, estaba toda España, como gran de area, vivindo a boa noticia da vida, do saber facer, do compartir, conseguido baixo a dirección dese pobo organizado.

Logro compartido é sinónimo de equipo e, non hai mellor memoria histórica!

Etiquetas