Novas incorporacións en VIA Alfoz de cara á celebraciónda súa primeira asamblea

A escasos cen días das eleccións municipais do 26 de maio, VIA Alfoz, nome do partido xurdido  da agrupación de electores Veciños Independentes de Alfoz,  suma novas incorporacións de cara á súa primeira asemblea xeral que se celebrará xusto dentro dun mes, concretamente o domingo 17 de marzo. Nesta Asemblea elixirase a primeira Dirección Executiva do partido, órgano xestor que será o encargado de elaborar o programa, así como de elixir as listas electorais.

Para esta cita o partido contará con dúas novas incorporacións, a de Fernanda Casabella e a de Eliseo Lorenzo, veciños de Alfoz moi involucrados na educación, os servizos sociais e o deporte, e que se presentaban onte pola tarde “cheos de ilusión e gañas de traballar polo noso pobo”.

Eliseo Lorenzo García (Alfoz, 1988). Estudou maxisterio de Primaria en Lugo e un mestrado de Innovación, Orientación e Avaliación Educativa na Coruña. Actualmente é o Xefe de Estudos do CEIP Plurilingüe Virxe do Carme de Burela. Coñecedor do mundo educativo, indica que “chego a Vía de paso, para impulsar varias ideas. A primeira delas é a creación dun Centro Público Integrado para responder á realidade de asegurar os servizos de Infantil, Primaria e Secundaria no concello”. Esta ambiciosa iniciativa de VIA suporía o agrupamento dos dous centros públicos, o que permitiría optimizar os servizos, como pode ser o transporte escolar, e ampliar outros como o servizo de comedor que se estendería ata os 16 anos. Desta forma os nenos do concello estarían escolarizados no mesmo centro desde os tres ata os dezaseis anos, permitindo mellorar e optimizar os servizos conciliación e as actividades extraescolares, entre outras. O agrupamento permitiría a desafección dun dos edificios, no que desde VIA propoñen a instalación dunha residencia da terceira idade cun centro de día públicos.

Involucrada tamén na comunidade educativa e coñecedora das necesidades dos servizos sociais incorporase tamén a VIA Fernanda Casabella (Alfoz, 1970). É presidenta da ANPA do CEIP Castro de Ouro de Alfoz, ademais de secretaria da Asociación de Afectados polo Síndrome de Fires, “para darlle visibilidade a esta doenza e intentar recadar fondos para a investigación”, indica. Tamén é tesoureira de Camiña Asociación Comarcal da Mariña Lucense, colectivo que segundo nos indica está centrado en “defender e asistir aos discapacitados psíquicos no tocante á súa educación, rehabilitación, formación profesional e integración social”. Ademais Fernanda Casabella sempre estivo ligada ao asociacionismo local, sendo parte da directiva da Asociación Cultural e Xuvenil o Castelo e presidenta do C.D. Alfoz, club do que actualmente é directivo Eliseo Lorenzo.

A creación dun Centro Público Integrado e dunha residencia da terceira idade con centro de día, serán xunto coa aplicación de medidas para paliar o despoboamento, varias das iniciativas que VIA estuda propor de cara ás vindeiras eleccións municipais, para o que realizarán reunións coa comunidade educativa e a Xunta de Galicia de quen vai depender, en gran medida, a súa viabilidade.

Etiquetas