Skip to main content
ActualidadeRibadeo

O alcalde de Ribadeo lembrou que a derradeira actuación que fixo a Xunta en materia deportiva foi no 2009

Por 18 Febreiro, 2019Sin comentarios

O alcalde, Fernando Suárez, lembrou que a derradeira actuación que fixo a Xunta en Ribadeo en materia deportiva foi no ano 2009. Barcia asegurou que os representantes da administración autonómica só veñen a Ribadeo ás misas, aos pinchos e a entregar medallas. Deste xeito sae ao paso das declaracións efectuadas polo delegado territorial da Xunta en Lugo relativas ao estadio municipal Pepe Barrera.
O rexedor reiterou hoxe: “o inefábel Balseiro é un miserábel. El e toda a condómina que están con ese discurso de odio e de non aportar nada extraordinario para Ribadeo porque non somos da súa corda. Foron, son e serán uns miserábeis. O que pasa é que a xente sabe, oe e está farta destas actitudes da idade media, que é a onde esta xente do PP nos quere levar”.
Suárez Barcia subliñou que “a derradeira actuación que fixo a Xunta en Ribadeo en materia de infraestruturas deportivas foi no ano 2009, hai 10 anos, coa axuda para a renovación da tarima do pavillón pequeno. Desde aquela nada, nin un triste can. Só veñen a Ribadeo ás misas, aos pinchos e a entregar medallas. Nada mais e nada menos”.
E engadiu: “con todo, e a pesares de que non queren aportar nada nin no ámbito deportivo, nin no de servizos sociais, xa que non deron un can para a residencia de maiores, nin para nada extraordinario, tentaremos falar e dialogar con quen se pode, isto é, coa Deputación de Lugo”.
O alcalde sinalou que “nós somos xente de paz, aberta, dialogante con todo aquel que queira dialogar para chegar a acordos, xente optimista, ilusionada e traballadora. O que non somos é xentiña da longa noite de pedra. Temos dignidade e habémosllelo demostrar”.