O alcalde de Ribadeo acusa á Xunta de non axudar ao concello

O alcalde, Fernando Suárez, declarou que a Xunta non lle quere ben a Ribadeo, que nin apostan nin apostaron nada por este concello e que só “venden fume”. O rexedor engadiu que o que o Concello lle demandou á administración galega para o estadio municipal Pepe Barrera foron 175.000 euros, a mesma cantidade que lle solicitou á Deputación de Lugo, e critica que a Xunta só estea disposta a aportar 46.000 euros para unha obra tan importante. O alcalde insiste en que os populares só veñen a Ribadeo “ás misas, aos pinchos e á entrega de medallas”.

Fernando Suárez declarou: “hai que ver as voltas que lle dan para ao final non acabar facendo nada como nos teñen acostumados nestes últimos anos, ben sexa coa residencia de maiores ou agora mesmo coa renovación do campo de fútbol”.

O rexedor ribadense dixo: “teñen a valentía de dicir o moito que invisten en Ribadeo, e no sumatorio de inversións que nos fan, contando en todo isto os centros educativos, o centro de saúde, é dicir, que contan as nóminas dos mestres, dos profesores, dos sanitarios, para dicir o moito que invisten en Ribadeo. Contan ademais o que nos invisten nos obradoiros de emprego, que o 90% dos seus fondos son europeos. É como, facendo unha similitude, se viñese agora o presidente do goberno do Estado, Pedro Sánchez, e fixese a conta do que inviste aquí o Estado co sumatorio de pensións mensuais que lle paga a todos os xubilados e xubiladas, ou coas nóminas dos funcionarios do Estado que traballan aquí en Ribadeo”.

Para Fernando Suárez “hai que falar claro. O que o señor Balseiro vende como compromisos son obrigas ordinarias establecidas por lei para este Concello e para todos os demais, igual que o resto de Concellos. Con estas achegas ordinarias os Concellos pagamos as nóminas dos funcionarios, o alumeado público… é dicir, o ordinario. No extraordinario, a realidade á que queremos ir é que non lle queren a Ribadeo. Nin apostan por Ribadeo, nin apostaron por Ribadeo. Só prometen fume e venden fume”.

O alcalde asegurou que “teñen a oportunidade de quedar ben con Ribadeo apoiando como lles pedimos unha parte, non lles pedimos todo, da renovación do campo de fútbol. De toda a inversión importantísima, que ascende a máis de 400.000 euros, pediámoslles 175.000 euros, igual que á Deputación, e o único que nos ofrecen son uns míseros 46.000 euros. Isto, a parte de ser grotesco e absurdo, é o colmo”.

O rexedor insistiu en que “o único ao que veñen a Ribadeo estes señores do PP e da Xunta son ás misas, aos pinchos e á entrega de medallas, para iso toda a condómina desembarca en Ribadeo sempre que teñen oportunidade”.

Suárez Barcia subliñou: “nós, pola contra, que somos un goberno aberto, que estamos moi orgullosos de ser dialogantes e que o demostramos con feitos día a día, sobre todo con quen lle quere ben a Ribadeo, temos sempre que falar moi ben da Deputación e das xentes que están na Deputación de Lugo que, aínda que non son da mesma cor política, si que lle queren a Ribadeo infinitamente máis do que lle quere a Xunta. Pero en todo caso o tempo poñerá a cada un no seu sitio, igual que os puxeron hai catro anos coa residencia”.

Etiquetas