O BNG acusa ao PP de non escoitar as denuncias dos veciños sobre o estado do río de Xunqueira

O BNG de Viveiro lamenta que o goberno autonómico do PP non sexa capaz admitir que era coñecedor das denuncias remitidas á Xunta pola veciñanza de Xunqueira, advirtindo da falta de limpeza do río de Xunqueira que asolagou esta parroquia en novembro do pasado ano e que, a día de hoxe, tanto a Xunta como o Concello, continuan sen ter rematado os traballos de limpeza en diversos puntos das zonas afectadas polo desbordamento deste río, tales como sucede no lugar de Carreira, entre outros, cuxo acceso segue cortado.

A resposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta remitida ao grupo parlamentar do BNG e publicada no BOPG, ao respecto do asolagamento en Xunqueira non aclara ningunha das preguntas feitas pol@s nacionalistas na Comisión permanente de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos sobre o estado do río que asolagou Xunqueira, sobre se tiña constancia a Xunta das denuncias dos veciños que advertían do tapón provocado por restos de desbroce na Ponte de Pedro Mestre, e de porque non levaron a cabo os traballos de limpeza do río, así como cales eran as medidas preventivas que ían impulsar para evitar que algo como o acontecido en Xunqueira se repetira.

O BNG de Viveiro acusa ao goberno autonómico do PP de querer eludir a toda costa calquera tipo de responsabilidade, da súa competencia en materia de conservación fluvial e limpeza de ríos, no asolagamento de Xunqueira que se levou por diante a vida dunha veciña e provocou numerosos danos materiais. E proba disto é,  non só denuncian aos nacionalistas, a sorprendente resposta dada ao seu grupo parlamentar onde din que “ a Xunta aposta por traballar, da man do concello e demais administracións, para facer unha reflexión conxunta e global e poñer os medios necesarios para tratar de evitar que o sucedido en Xunqueira se poda volver repetir”, senón que tamén o proba a elaboración en tempo récord da instrución 1/2019, de 7 de xaneiro, para o establecemento de directrices técnicas de conservación fluvial de carácter ordinario e a súa publicación no DOG 18/01/2019, co fin de trasladar parte das súas competencias e responsabilidades aos concellos, indistintamente do seu tamaño e a súa capacidade ecónomica.

Etiquetas