Skip to main content
ActualidadeDeportes AMARIÑAXARibadeo

A Xunta anuncia unha achega para o Pepe Barrera e o Concello a considera insuficiente

Por 21 Febreiro, 2019Sin comentarios
A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, ten reservada para a presente anualidade (2019) unha partida de 46.250 euros para colaborar coas obras de drenaxe e renovación integral do céspede do campo de fútbol municipal Pepe Barrera, de Ribadeo.
As directivas do Ribadeo Fútbol Club e da Sociedade Deportiva Ribadeo utilizan estas instalacións, o primeiro en competicións oficiais e a segunda en categorías infantís, e foron as que trasladaron esta demanda ao Goberno autonómico.
Esta é unha obra moi demandada polos usuarios porque o terreo de xogo non está na mellor situación, así que en vista da boa acollida coa que recibiron esta medida esperamos non ter ningún problema co concello para poder materializala.

CONCELLO

O alcalde, Fernando Suárez, cualificou de ridícula e de mísera a achega de 46.000 euros que a Xunta de Galicia quere destinar ao estadio municipal Pepe Barrera. O rexedor subliñou que a ampla remodelación que é preciso acometer nesa instalación suporá un investimento duns 400.000 euros.

Para Suárez Barcia trátase “dunha decepción porque máis que unha colaboración económica parece unha esmola ou como alguén que lle dá as faragullas ás pitas. Debéralles dar vergoña vir vender semellante miseria para un proxecto que vai pasar dos 400.000 euros”.

O alcalde dixo que “desde o Concello de Ribadeo somos serios e sempre tratamos de facer as cousas como é debido. Neste caso queremos facer un novo campo no Pepe Barrera con seriedade: cunha renovación total do céspede, hai que levantalo, facer toda a drenaxe, nivelalo porque hai un metro e medio de desnivel dunha esquina á outra; hai que facer tamén un novo rego, novas canalizacións, darlle saída ao saneamento, canalizar o futuro alumeado eléctrico, hai que sementalo, … E todo isto custa máis de 400.000 euros, pero para iso veñen dicir que nos ofrecen 46.000; é dicir, nin o 10 por cento”.

O rexedor engadiu: “xa se ve o compromiso da Xunta do PP con Ribadeo en todos estes anos e agora non ofrecen nin unha décima parte do que custa en realidade esta obra. Non deron un can para a residencia e agora non queren dar practicamente nada para o campo de fútbol Pepe Barrera. Nin para os nosos maiores nin para a nosa xuventude”.

Fernando Suárez engadiu: “con todo nosoutros non somos soberbios e non desprezamos nada, así sexan o que nos queiran dar. Pero vaia por diante que é ridículo e que lles debe caer a cara de vergonza vir a Ribadeo ofrecer esta misérrima cantidade económica para un proxecto demandado por todo o mundo, tanto de Ribadeo como de fóra, e que ademais durante estes últimos anos vamos bos de aguantar as queixas e as críticas do PP. E agora, para colmo, como premio ofrecen esta birria”.