Skip to main content
Actualidade

A Subdelegación do Goberno agradece o labor de varios colaboradores de Protección Civil

Por 26 Febreiro, 2019Sin comentarios

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, agradeceu o labor dos radioaficionados que colaboran con Protección Civil durante o acto de entrega de diplomas concedidos a membros deste colectivo de toda a provincia que forman parte, desde hai varias décadas, da Rede Nacional de Radio de Emerxencia. No acto, que tivo lugar esta mañá na Subdelegación do Goberno, estiveron presentes catro dos homenaxeados: Enrique Fernández Fraga, José R. Lorenzo Fernández, Senén Ignacio Laurel Lodos e Jesús M. Rodríguez Iglesias.

Isabel Rodríguez expresoulles o recoñecemento “de Protección Civil, do Goberno de España e de todos lucenses” e explicou que “desde a Subdelegación do Goberno queremos agradecervos a vosa desinteresada colaboración coa Dirección Xeral de Protección Civil, que é tanto como dicir coa sociedade lucense.Penso que é moi meritorio o voso compromiso social, que vos leva a transformar unha afección, como é a que compartides os radioaficionados, nun acto de xenerosidade coa posta a disposición do servizo de Protección Civil do voso tempo, coñecementos e recursos”.

O Ministerio do Interior, a través da Dirección Xeral de Protección Civil, concedeu 13 diplomas en recoñecemento á labor doutros tantos lucenses que forman parte da Rede Nacional de Radio de Emerxencia, que constitúe unha alternativa ao sistema habitual de comunicacións para situacións de emerxencia.

MÁIS DE 20 ANOS DE COLABORACIÓN
Oito dos homenaxeados recibiron o diploma en gratitude polos 35 anos de colaboración con Protección Civil. Trátase de Enrique Fernández Fraga, de Lugo; José R. Lorenzo Fernández, de Ferreira de Valadouro; Senén Ignacio Laurel Lodos, de Meira; César Rodríguez González, de Foz; José Luis Sanz Luengo, de Cervo; o matrimonio formado por Juan M. González Blas e Orlanda González Martínez, de Castro de Rei; así como Basilio Valcárcel Díaz, de Sarria.

Outros tres levan 3 décadas de colaboración que se lles agradece a Dirección Xeral de Protección Civil. Son Jesús M. Rodríguez Iglesias, de Lugo; Urbano L. Enríquez Arias, de Ferreira de Pantón, e Vicente Rodríguez Rodríguez, de Foz.
Ademais, fóronlles concedidos senllos diplomas a Miguel A. Morán Puente, de Ribadeo, que forma parte da Rede Nacional de Radio de Emerxencia dende hai 25 anos e a José Moreno Piñeiro, de Outeiro de Rei, pola súa colaboración durante 20 anos.