Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

Portos de Galicia respalda a ampliación dos prazos concesionais da nova Lei de Portos

Por 26 Febreiro, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

A posibilidade contemplada na Lei de Portos de Galicia de ampliación dos prazos concesionais de 35 a 50 anos está a recibir unha moi boa acollida por parte dos axentes portuarios que entenden esta medida como un reforzo á seguridade de clubs náuticos e empresas portuarias. Así o manifestou o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, nunha rolda de prensa celebrada na sede do organismo portuario en Santiago para avaliar a resposta empresarial a este cambio normativo, un dos de maior envergadura dos contemplados no texto legal.
Durán Hermida explicou que dende a entrada en vigor da nova normativa, a primeira lei portuaria con carácter autonómico, o pasado mes de xuño, arredor dunha trintena de entidades, tanto clubs náuticos como empresas operadoras de servizos portuarios, téñense acollido a esta posibilidade, argumentando precisamente esta maior garantía xurídica para a súa actividade. “Do mesmo modo, estannos a trasladar que esta ampliación dos prazos concesionais é entendida polo sector como un aval para a realización de fortes investimentos nos peiraos de titularidade autonómica que xestiona Portos de Galicia”, explicou o responsable do ente público.
Polo que respecta ao sector náutico, un total de 15 clubs e toda Galicia e na mariña lucense dous. Estes son o Real Club Náutico Ribadeo e Marina Viveiro. Neste sentido, José Juan Durán remarcou que con esta medida contribúese ao respaldo á actividade náutica que desenvolven en Galicia os axentes privados e que está a repercutir de xeito moi reseñado na actividade económica dos peiraos deportivos e das súas contornas. “Non en van, este ano temos superado por primeira vez o teito dos 10.000 barcos en tránsito nos peiraos autonómicos”, lembrou, e engadiu que “esta cifra é máis do dobre dos tránsitos que recibiamos hai unha década e que cifrabamos nuns 4.000”.
Durante a rolda de prensa, Durán Hermida destacou o feito de que “esta ampliación de prazo concesional ata os 50 anos é unha medida novidosa a nivel estatal, xa que non se recolle na normativa portuaria da maioría das autonomías”. “Precisamente este é un dos factores que sitúan a Galicia na vangarda do desenvolvemento da náutica recreativa, como nos trasladan con frecuencia en eventos e citas sectoriais de carácter internacional”, subliñou.
Así mesmo, o presidente de Portos fixo fincapé na repercusión empresarial desta medida que, dixo, “incide de xeito directo na creación de emprego e na implementación da actividade económica no litoral portuario” ao outorgar maior estabilidade xurídica ao asentamento empresarial nos peiraos.