Skip to main content
ActualidadeMondoñedo

O Concello de Mondoñedo concede unha licenza para rehabilitar un edificio para apartamentos turísticos e albergue

Por 28 Febreiro, 2019Sin comentarios


Goberno local do Concello de Mondoñedo vén de autorizar esta mesma semana unha licenza de obras para a rehabilitación dun edificio para apartamentos turístico e albergue, que contará cun orzamento de 750.000 euros.
A alcaldesa, a popular Elena Candia, valora esta actuación “que suporá adecentar a imaxe dunha das entradas do Camiño de Santiago na nosa cidade”. De aí a importancia de retirar da vía pública a mecano que leva dez anos apuntalando o inmoble que agora vai ser rehabilitado entre as rúas Alfonso VII e Pardo de Cela.
Candia saúda o interese económico que está a espertar o Concello a través de diversas iniciativas enfocadas a recibir aos camiñantes como porta de entrada en Galicia do Camiño Norte a Santiago. Así, son numerosos os albergues e establecementos turísticos que se están a implantar no municipio para dar resposta á demanda de visitantes, que vai en aumento.
A Xunta de Goberno local acordou conceder a licenza ao promotor Gestinorte Inmobiliaria Gallega S.L. para unha parcela de solo urbano sita na Rúa Alfonso VII, 33 e Pardo de Cela.
A obra solicitada terá un uso hoteleiro e non poderá destinarse a outro uso ou fin que o que figura autorizado. O edificio albergará dous establecementos totalmente independentes entre si, un para apartamentos turísticos e outro para un albergue, ademais dun aparcamento para dar servizo a ambos.
O prazo de iniciación dos traballos non poderá exceder de seis meses e o de terminación será de tres anos para a execución total das obras. Poderá concederse unha prórroga por unha soa vez sempre que así se solicite antes da conclusión do prazo determinado e resulten xustificados os motivos en que se funda a petición.