O Concello de Ribadeo entregou preto de 1.000 árbores frondosas

O Concello de Ribadeo entregou preto de 1.000 árbores frondosas para a súa plantación en parcelas afectadas pola lei de incendios de Galicia. Repartíronse pradairos, bidueiros, freixos, castiñeiros híbridos, cerdeiras, carballos, abeleiras e nogueiras. En total no Concello recibíronse 38 solicitudes para 57 parcelas nas que se plantarán estas especies. O alcalde, Fernando Suárez, e os concelleiros de Sostibilidade Ambiental e Medio Rural, Paz Ermida e Vicente Castro, respectivamente, participaron neste acto de entrega de árbores, que tivo lugar no Cantón dos Moreno.

O rexedor ribadense sinalou diante dos receptores das árbores que “todo o mundo temos que estar de acordo coas normas. Sabemos que hai veces que hai xente que lle desgusta, e eu o lamento, non o facemos para enredar nin para molestar a ninguén. Sabemos que isto vai ser unha seguridade e Ribadeo será un sitio agradable dentro duns anos, cando se vexa todo cortado, como xa está en case todo”.

Fernando Suárez contou que “case todo o mundo cumpriu, nos que non cumpriron o Concello vai executar subsidiariamente nos próximos tempos, irremediablemente, lamentando moito polos que non quixeron cortar”.

O alcalde subliñou: “quixemos ter tamén unha atención con aqueles que de maneira voluntaria foron cumprindo coas normas. De aí que ideamos este sistema que nos parece o mellor porque, cando se pela unha faixa de protección, despois iso acaba retoñando outra vez. Entón a mellor maneira é, cumprindo a norma, poñendo a vexetación frondosa que é a que tamén contén o lume en caso de que haxa un incendio, e ao mesmo tempo facilita para os propietarios que non teñan que estar cada ano con tanta folgueira, tanto toxo, acacia ou eucalipto”.

Suárez Barcia dixo que “fixemos un sistema que desde o Concello de Ribadeo demos unha audiencia pública, todos os que solicitaron, que cumpriades as normas na vosa proporción da superficie tedes vexetación autóctona e quixemos convocalos hoxe aquí porque quixemos que dos viveiros viñesen directamente para cada terreo, de feito veñen frescas as raíces, están húmidas”.

O rexedor dixo aos asistentes: “quero agradecervos a vosa colaboración e dicir que con todos vosoutros somos un Concello modélico e estamos dando exemplo para toda Galicia”.

O Concello investiu 6.500 euros na compra destas árbores frondosas que hoxe foron repartidas. Xunto aos propietarios dos terreos nos que se van plantar estivo tamén o técnico de Medio Ambiente, Xaime Pérez.

Etiquetas