A Deputación promove o deporte base na Mariña da man do CB Burela

O deputado de deportes, Pablo Rivera Capón, mantivo un encontro con deportistas do Club de Baloncesto Burela para avanzar nas colaboracións entre o Executivo Provincial e a entidade deportiva mariñá. No acto tamén participaron o alcalde de Burela, Alfredo Llano García, o concelleiro de deportes, Ramiro Fernández, e os membros da directiva do club, Manolo Cobas e Abel Fanego.

O Goberno da Deputación achega ao CB Burela un total de 6.000 euros, a través dun convenio de colaboración, que serven de axuda para sufragar os gastos federativos e de temporada.

Rivera Capón explicou que “o CB Burela leva 15 anos facendo un gran traballo polo deporte base na Comarca da Mariña, conta con 11 equipos, con 120 fichas, das que preto da metade son femininas, unha clara aposta polo deporte como medio para acadar a igualdade que desde o Goberno da Deputación compartimos”.

O Club conta con equipos nas categorías de babybasket, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e júnior; dos 11 equipos 10 participan na liga provincial Federada, e ademais o equipo infantil masculino compite na Liga Galega.

“A pesar das dificultades, o CB Burela, é un dos clubs de referencia  no baloncesto da Mariña e da provincia, logrando manter o número de fichas, ou incluso incrementalas, espallando o deporte e apoiando que os máis novos se formen en valores deportivos e desfruten dos beneficios sociais e para a saúde que a súa práctica implica” destacou o Deputado.

 

Etiquetas