O Concello de Ribadeo realiza traballos de mellora no aparcadoiro situado entre Alfredo Deaño, Pintor Fierros e avenida de Galicia

O Concello de Ribadeo realiza estes días traballos de adecentamento no aparcadoiro comprendido entre as rúas Alfredo Deaño, Pintor Fierros e avenida de Galicia. O PXOM, xa consolidado, contempla a creación dunha zona verde e deportiva nesa importante bolsa de terreo, segundo subliña o alcalde, Fernando Suárez.

O rexedor ribadense explicou que “estamos levando a cabo esta actuación, nesta importante zona verde e zona dotacional que deixou establecida o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal, que recentemente quedou consolidado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ao decaer varios recursos que había contra el. Polo tanto, con este plan de urbanismo moderno e vixente que temos é agora cando estamos iniciando esta actuación, sabendo que nesas inmediacións están proxectada unha nova zona deportiva e unha zona verde. Pero de momento, nestes días, e atendendo ás suxerencias do vecindario, que tiña toda a razón, estamos adecentando unha boa parte de toda esta zona que agora está ocupada parcialmente por un aparcamento con base de zahorra no que estacionan moitos camións”.

Suárez Barcia dixo que “había unha zona que estaba totalmente agreste e estamos desbrozando e sacando residuos, polo que nestes días veremos como vai quedando  unha zona de esparexemento libre, pública e adecentada, de feito estámola agora sementando”.

O alcalde espera que “sexa un primeiro paso para que dentro de non moito tempo, deberemos expropiar unha parte deses terreos, porque hai unha parte que xa é pública pero hai outra na que se require a expropiación, e nesa gran mazá que delimita Alfredo Deaño, avenida de Galicia e a rúa Pintor Fierros, poida haber un parque e unha zona deportiva. Algo que, grazas a todas as virtudes que ofrece o Plan Xeral de Ordenación Municipal, poidamos nos vindeiros anos seguir tendo espazos públicos que non ten Ribadeo desde o século XIX, porque hai que recordar que o parque que ten Ribadeo é o mesmo que tiña no ano 1880, por poñer por caso. Agora que o novo plan establece estas posibilidades, espero que vaiamos dando pasos firmes neste senso”.

Etiquetas