Skip to main content
ActualidadeViveiro

Un dos Premios 10 de Marzo será para Melchor Roel

Por 6 Marzo, 2019Sin comentarios

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia decidiuse a conceder neste 2019, un dos seus Premios 10 de Marzo a Melchor Roel, que ocupou o cargo de alcalde de Viveiro dende 2003 ata o seu falecemento, en decembro de 2013.
Este é un merecido premio é unha forma de recoñecer o seu compromiso social e político, unha constante que guiou a súa traxectoria profesional e a súa gran labor tanto como sindicalista, vinculado a CCOO, como na súa faceta política, vinculado primeiramente ao Partido Comunista e posteriormente ao PSdG-PSOE.
Melchor Roel Rivas naceu en 1954 en Mugardos, na comarca de Ferrol. Con todo, pasou boa parte da súa vida no Uruguai, emigrado co pai e a nai. Xa ben mozo, militou no Partido Comunista do país suramericano. Este compromiso social e político levouno ao cárcere con só 18 anos. Tres anos despois (1975), a ditadura uruguaia deportouno a España.
De volta a Mugardos, fixo un labor salientable a prol da articulación do Partido Comunista. A loita sindical e política levouno a Viveiro, Lugo e novamente a Viveiro, localidade que foi fundamental na súa vida.
Con só 24 anos, foi delegado ao primeiro Congreso do Sindicato en Galicia, no ano 1978, e resultou elixido membro da primeira Comisión Executiva Nacional. Posteriormente tivo responsabilidades noutros ámbitos sindicais, tanto na comarca da Mariña como na antiga Federación de Servizos e Administracións Públicas.
Tras varios anos entre Galicia e Madrid, en 2003 instalouse definitivamente en Viveiro, onde intensificou o seu labor político. Ese ano presentouse ás eleccións municipais encabezando as listas do PSdeG-PSOE, como candidato independente, logrando a Alcaldía tras vinte anos de goberno conservador. Revalidou o cargo nas seguintes eleccións, tanto no 2007 como no 2011, e dirixiu o goberno local ata o seu falecemento, en decembro do 2013.