Skip to main content
ActualidadeMar AMARIÑAXAViveiro

Esta primavera comezará a obra de derruba dos galpóns e acondicionamento do peirao vello de Viveiro

Por 10 Marzo, 2019Sin comentarios

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, executará ao longo desta primavera as obras de demolición dos galpóns e acondicionamento da explanada do peirao vello de Viveiro. Así o comunicou esta mañá o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, nunha visita á zona acompañado polo delegado territorial da Xunta na provincia, José Manuel Balseiro.
Durante a visita, Durán Hermida lembrou que Portos de Galicia destinará unha partida de 240.000 euros a esta actuación, demandada historicamente polo sector e a cidadanía de Viveiro. Así mesmo, explicou que os traballos terán un prazo de execución de dous meses, polo que se prevé que estean rematados antes do verán.
As obras consisten na demolición de catro naves portuarias sen actividade para proceder ao acondicionamento e repavimentación da explanada na que se atopan. Esta zona pasará a destinarse a aparcadoiro, que se unirá ao existente ata o momento, quedando plenamente integrado na contorna.
Finalmente, José Juan Durán informou tamén de que o organismo portuario que preside prevé sacar a licitación nos vindeiros días as obras de dragaxe dos peiraos de Viveiro e Celeiro. Esta actuación está orzamentada nun millón de euros e permitirá recuperar o calado para a plena operatividade da lámina de auga.