O PSOE reclama á Xunta medidas preventivas contra a peste porcina

O portavoz de Gandaría do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, acusou ao PP de negarse a pedirlle á Xunta medidas preventivas fronte á chegada da peste porcina africana a Galicia. Pérez Seco presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Agricultura do Parlamento que foi vetada polo PP, pechando os ollos así ás reclamacións do Ministerio de Agricultura e dos expertos en sanidade serolóxica no gando porcino.

O responsable socialista sinalou ás recomendacións do Ministerio de Agricultura fronte ao risco de que este animal estenda a peste porcina, como está a suceder no resto de Europa, con campañas de concienciación entre os sectores implicados para minimizar a súa entrada. Sinalou a importancia de tomar as medidas preventivas antes de que a praga chegue a Galicia e evitar situacións como as que se teñen rexistrados noutras pragas.

Lamentou do risco desta actitude do PP e do goberno galego de negar o problema, máxime cando “aínda que na actualidade non existe unha vacina cen por cen eficaz, a comunidade científica prevé tela ultimada en dous anos, aproximadamente”, polo que urxe a “tomar medidas para evitar que os xabarís da península se infecten”.

Difícil de controlar

Sinalou á dificultade de controlar o movemento dos animais dunha especie, como é o xabaril, que vén de rexistrar unha elevada concentración en toda Europa e un crecemento exponencial en España e Galicia. A última vez que entrou foi no ano 1960, sendo erradicada en 1995, malia focos localizados en 2001 e 2005, gracias ao traballo do Ministerio de Agricultura, que serviu para que o sector porcino se situara á vangarda de bioseguridade, benestar animal e seguridade alimentaria.

Lamentou a escasa atención do goberno galego e do PP á situación desta especie en Galicia, logo de ter rexeitado sistematicamente as advertencias dos socialistas. A última delas tivo lugar no pasado mes de outubro, cando reclamaran un censo da poboación do xabaril e un plan de xestión desta especie para estabilizar á súa poboación e limitar os danos na agricultura, a gandaría, a circulación viaria e o equilibro medioambiental.

Etiquetas