Skip to main content
ActualidadeRibadeo

Daniel Vega presentouse como candidato do PP ao Concello de Ribadeo

Por 12 Marzo, 2019Sin comentarios

Querer Ribadeo, amar e respectar Ribadeo”, así comezaba a súa intervención na presentación como candidato do Partido Popular, Daniel Vega, á alcaldía da localidade. Arroupado polo presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, a presidenta provincial, Elena Candia, e outros cargos orgánicos do Partido, como o secretario Xeral, senadores e deputados da lexislatura que acaba de rematar, alcaldes e voceiros doutros municipios da provincial, así como deputados do Parlamento de Galicia, en un Cine-Teatro ateigado de xente, o alcaldable manifestou que tomou a decisión de presentarse conxuntamente coas dirección provincial e autonómica; unha decisión, sinalou,” meditada e sensata”, e que se resume en “entregarme 24 horas e os 365 días do ano a cumprir e a traballar por Ribadeo”.

Trátase, en definitiva, de que “deixemos de enfrontarnos e tomemos decisións para os veciños; non decisións personalistas, senón decisións claras e rotundas. Hai que apartar o ego e debe imperar a humildade e o sacrificio”, defendeu.

Deste xeito, subliñou que “a ilusión, o traballo e a vocación de servizo” van a ser os seus obxectivos. “Eu non teño outro fin que negociar coa Xunta de Galicia para traer máis investimentos a este Concello, pero o que non pode ser é que vivamos na confrontación constante e permanente. No pode ser que teñamos como alcalde a unha persoa que o único que pensa é que o Concello é a súa sede”. Neste senso, engadiu: a Casa Consistorial “ten que ser a porta de solución dos problemas da xente, a administración máis cercana. Non pode ser que tomemos medidas de imposición, ou ter un alcalde que non escoite”.

A este respecto, defendeu que quero ser “o alcalde que escoite permanentemente” e avogou por potencia a hostalería, o comercio, a industria, o emprego e o rural. Só así, subliñou, se conseguirá que “a xente nova poida traballar e vivir en Ribadeo e evitar que sigamos baixando dos 10.000 habitantes porque non podemos emprender un proxecto de vida”.

Como fillo de gandeiro, fixo unha defensa a ultranza deste sector apuntando que “temos que presumir do rural”. Por iso adiantou que está a configurar un proxecto “real e crible”, e para o que contará cun grupo de persoas “con moitas gañas de traballar”. “Será un programa electoral de cumprimento, non ficticio”, que aglutinará “proxecto, grupo e ilusión”. Neste senso, como medida máis inmediata se chega ao goberno local será aplicar unha baixada de impostos e incentivar as políticas de creación de emprego

Comprometido co PP

Elena Candia destacou a implicación de Daniel Vega co Partido, do que xa foi presidente de Novas Xeracións. “Estamos no proxecto político que lidera e nunha formación que construímos entre todos”. Deste xeito, a presidenta provincial, dende a súa experiencia tamén como alcaldesa, defendeu que “o desenvolvemento dun Concello ten que ser a base da colaboración entre administracións e non en contar medias verdades e mentiras, como acontece en Ribadeo; un alcalde que traballe sempre dicindo a verdade e sen enganar á xente”, reiterou.

Por este motivo, convidou aos asistentes e votantes a reflexionar “con quen nos unimos antes de meter a papeleta na urna”. “Dani vai intentar convencer coa verdade, coherencia e antepoñendo a Ribadeo por diante. O Partido a nivel provincial vai traballar para que consiga o apoio dos veciños”, pois se por algo se caracterizan os gobernos do PP e por cumprir con Ribadeo, sen buscar a confrontación”.