O Concello de Mondoñedo afirma ter un remanente de tesouraría de máis de 1,1 millóns de euros

O expediente de depuración de saldos do Concello de Mondoñedo procedente da liquidación do ano 2018 aflora un remanente de tesouraría de 1.152.009,29 euros. O Goberno local cumpre no exercicio de 2018 coa regra de gasto, a estabilidade e o nivel de débeda.

O remanente de tesourería para gastos xerais unha vez depurados os saldos e pechado o exercicio de 2018 ascende a 1.152.009,29 euros. O Concello de Mondoñedo, que dirixe a popular Elena Candia, realizou un investimento en estabilidade de 667.552,86 euros, destinado a gastos xerais.

A alcaldesa avanza que este mesmo ano “podemos chegar á débeda cero” derivada do préstamo para o pagamento a provedores, ao amortizar a contía pendente co remanente de tesourería.

O Concello contraeu un préstamo para o pagamento a provedores no ano 2010 no marco do Plan de Axuste municipal. O importe total dese préstamo era de 1.354.950,90 euros, mentres que a contía amortizada desde o ano 2015, coa chegada do Goberno do PP, ascende a a 922.816,16 euros.

O que queda por amortizar, 432.134,64 euros, podería amortizarase este mesmo ano con cargo ao remanente de tesourería, de maneira que a débeda do Concello de Mondoñedo derivada do préstamo do pagamento a provedores quedaría a cero.

O Goberno local remata, deste xeito, un expediente administrativo complexo que reflicte a solvencia económica do Concello para afrontar as súas débedas cun remanente positivo.

A rexedora destaca o resultado da liquidación do ano 2018, froito dunha boa xestión, ao tempo que agradece o traballo dos servizos xurídicos e económicos do Concello.

Etiquetas