O BNG recolle 200 reclamacións pola falta de pediatra en Cervo

O BNG de Cervo participou na mesa de reclamacións da Plataforma Sanitaria da Mariña onde se recolleron máis de 200 reclamacións pola falta de cobertura da pediatra, e escoitou de primeira man as demandas de nais e pais.

Dende a fronte nacionalista afirman que “non se está a dar a cobertura sanitaria axeitada ao non cubrirse as ausencias da pediatra para atender ás nenos e nenas adscritos ao centro”, advirten.

“As nenas e nenos do noso concello que teñan que ser atendidos pola pediatra a causa dunha urxencia ou doenza común, terán que desprazarse ao Centro de Saúde de Burela. Deste xeito, por se o feito do desprazamento non fora abondo, tamén se contribúe a saturar o servizo de pediatría burelao, pois alí confluirán as crianzas tanto de Cervo coma de Xove”, explican.

“A falla de cobertura das ausencias da profesional da pediatría repercute nunha grave perda de calidade asistencial as nosas crianzas”, lembran dende o BNG de Cervo.

Mentres Feijóo afirma apostar polo sanidade pública a realidade é que precariza servizos básicos e Alfonso Villares co seu silencio convértese en cómplice do deterioro sanitario.

Para a fronte nacionalista “A saúde é un dereito fundamental que debe ser garantido e protexido independentemente do lugar onde vivan os nosos nenos e nenas, polo que esiximos unha sanidade digna e de proximidade no noso Concello que garanta a atención pediátrica de todas as nenas e nenos”, afirman, “un dereito que defendemos no pasado, no presente e continuaremos defendendo no futuro”, conclúen.

Etiquetas