Skip to main content
Actualidade

O grupo de teatro Os pícaros de Lagoa viaxou até Castro de Rei

Por 13 Marzo, 2019Sin comentarios

O grupo de teatro Os pícaros de Lagoa viaxou até Castro de Rei co obxectivo de homenaxear a Xosé Manuel Carballo, crego e activista cultural moi vinculado ao teatro amateur.

Xosé Manuel Carballo, falecido en 2017, era o autor da adaptación do texto Menciñeiro á forza, primeira obra representada polo grupo alfocés. Os pícaros de Lagoa contactou co grupo de teatro Os Baluros, coa intención de homenaxear o célebre crego na súa terra natal.

De tal xeito, os alfoceses representaron Menciñeiro á forza en Castro de Rei, no centro social que leva o nome de Xosé Manuel Carballo.

Ao redor dun centenar de persoas asistiron a unha representación onde estiveron presentes os rexedores municipais de Alfoz e de Castro de Rei, así como os familiares de Carballo.

Ao remate da función, “Os pícaros de Lagoa” foron obsequiados cunha placa conmemorativa do encontro, e mais con varios exemplares de dúas obras dramáticas do propio Carballo.

O grupo alfocés foi convidado a uns petiscos polo Concello de Castro de Rei, e durante o encontro falouse dun posíbel intercambio cultural, pois “Os Baluros” mostraron grande interese por traer as súas funcións a Alfoz, así como por coñeceren o municipio e asistiren á estrea da obra que xa están a preparar “Os pícaros de Lagoa”. A nova obra intitúlase Asilo por compasión e como sempre, chegará ao escenario o 25 de xullo, coincidindo coas festas patronais da parroquia de Lagoa.

A familia do recordado crego mostrou interese por obter a gravación da primeira representación do grupo alfocés, pois á devandita estrea  asistira o propio Carballo, pronunciando unhas palabras desde o público. Esta sería unha das últimas intervencións públicas do activista chairego.