Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXAViveiro

O centro de saúde de Viveiro acollerá unha UMAR extraordinaria o día 20

Por 15 Marzo, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

A Plataforma Sanitaria anuncia que desplazará a súa UMAR, de xeito extraordinario, ao centro de saúde de Viveiro o próximo mércores 20 de marzo. Despois de que veciños de Viveiro contactaran co colectivo sanitario para pedir que se desplazara a mesa informativa ao centro de saude, pola plaza de pediatra non substituída desde hai meses, e tras unha reunión dos seus integrantes activos, “decidiuse dar resposta a esta demanda veciñal”. O horario será o habitual, de 11 a 13 horas.
A situación do servizo de pediatría en Viveiro nestes momentos é grave, xa que hai meses que a persoa que tiña que ocupar esa segunda plaza está en excedencia e non se substitúe de forma estable e continuada, ficando os concellos de Viveiro, Vicedo e Ourol cun só pediatra. Cando o único profesional que atende nestes momentos as tres localidades solicita un permiso, é dicir, cando quedan sen nengún pediatra, o Sergas substitúe con dous médicos de familia en quenda de mañá para atender a demanda, algúns días, e outros días polas tardes para facer revisións, non atendendo neste caso urxencias. A situación semella esperpéntica, pois para o Sergas parece “que non é necesario que se cubra esa vacante que quedou polo traslado da anterior pediatra e que o facultativo que quedou só pode asumir todo o traballo, máis cando este falta, o Sergas ve necesario substituir con dous médicos de familia. Cando menos é sorprendente”, comenta o portavoz do colectivo Víctor Vila.
Do mesmo xeito a UMAR fará tamén reclamacións colectivas demandando que se ponga en funcionamento o ximnasio para impartir fisioterapia en quenda de tarde. Actualmente as instalacións veñen utilizándose únicamente en quenda de mañá, cunha soa fisioterapeuta. O feito de que se infrautilicen as instalacións provoca listas de espera de até un ano. Está situación de agardas excesivas agravouse despois de que o Sergas rompera o convenio que tiña cunha clínica privada e deixando aos pacientes que atendía abandonados e sen que ninguén os informara do cese do servizo. Desde este colectivo vimos mantendo desde hai moito tempo que “sacando o máximo partido ás instalacións que xa hai poderiamos aliviar gran parte das listas de agarda; esto pasa pola contratación dunha fisioterapeuta na quenda de mañá e a apertura das instalacións da quenda de tarde contratando a outras dúas profesionais”, explica Montse Porteiro coordinadora da Plataforma.
Desde a Plataforma Sanitaria animan aos veciños de Viveiro e dos concellos veciños, tamén afectados por estes dous problemas sanitarios de envergadura, para que acudan o mércores 20 de marzo ao centro de saúde de Viveiro a facer efectiva a súa reclamación, pois “ parece que o Sergas só actúa e dá solucións cando hai protestas veciñais e movementos de contestación social ”- conclúen.