Skip to main content
ActualidadeBurela

O Barco Museo Reina del Carmen explica a historia e a tradición boniteira de Burela

Por 16 Marzo, 2019Sin comentarios

O Barco Museo Boniteiro Reina del Carmen é un barco museo atracado no porto de Burela. Coa súa recuperación e reconversión en museo, o Concello de Burela dotaba á vila dun atractivo turístico, ao mesmo tempo que recuperaba unha parte da historia máis recente da localidade e rendía unha merecida homenaxe á xente do mar.
O Concello decidiu no ano 2000 xestionar a compra dun antigo barco boniteiro con casco de madeira para convertelo nun espazo de recuperación da cultura marítima e de atracción turística no porto máis importante de España na pesca e comercialización do bonito.
Do barco pódense visitar todos os seus compartimentos, tanto os de cuberta e da ponte como baixo a cuberta e o casco por dentro. Todos os seus equipos mecánicos, eléctricos, electrónicos e hidráulicos, incluíndo os motores principais e auxiliares, así como os de seguridade e salvamento, funcionan perfectamente.
No barco consérvanse os medios e métodos de pesca tradicionais empregados para a pesca do bonito na especialidade de cacea ou curricán, a forma artesanal de pesca que mellor garante a calidade do produto.
A visita ao barco comprende, na ponte e sobre a cuberta, a ponte de mando onde se pode comprobar o funcionamento dos principais equipos de navegación, comunicación e situación e os camarotes do patrón,  do motorista e do segundo de a bordo, o comedor, a cociña e o retrete.
No casco e baixo a cuberta  visítanse a sala de maquinas, a zona de descanso do resto da tripulación, o pañol e a adega ou neveira. Neste ultimo espazo están expostas as artes de pesca artesanais como a xa mencionada de curricán ou cacea para a pesca de bonito, o palangre de superficie e de fondo para a pesca da pescada e peixe espada, as artes de enmalle para o rape, artes de arrastre para a pesca de cigala e rapantes, as artes de marisqueo para a pesca do percebe e nasas para a pesca de nécoras, polbos etc.
Ao mesmo tempo, o barco-museo leva a cabo unha importante labor na defensa dos recursos naturais e ambientais que mereceu o recoñecemento da Unión Europea co outorgamento da Bandeira Azul tanto polas campañas de educación ambiental como pola protección dos recursos mariños.
Con 25 metros de eslora, o casco do barco foi contruído de distintas madeiras como carballo ou eucalipto para as cadernas e quilla respectivamente. Foi construído en 1967, e saiu por primeira vez do porto de Burela o 27 de xuño de 1968 para realizar a costeira do bonito do norte. Durante a súa longa vida, dedidouce á pesca de peixe espada, pescada ou bocareu. A súa última singradura realízaa desde o porto de Santander a Burela o 27 de setembro de 1998.
O horario de visita de xuño a setembro é de martes a sábado ás 11:00, 12:00, 13:00, 17:00, 18:00 e 19:00 horas. De outubro a maio é de martes a venres ás 11:00, 12:00, 13:00, 17:00 e 18:00 horas. Os sábados as visitas son só de mañá, ás 11:00, 12:00 e 13:00 horas. O museo ten un prezo de 5 euros adultos, 3 euros nenos de 8 a 18 anos e menores de 8 é gratis. Para visitas de grupo é necesario facer reserva con antelación no número de teléfono 982 586 000.