Skip to main content
ActualidadeViveiro

O BNG de Viveiro esixe actuacións urxentes sobre a ría

Por 18 Marzo, 2019Sin comentarios

O membro do BNG de Viveiro Seve Salgueiro, acompañado da eurodiputada Ana Miranda, acudirán ao parlamento europeo para “poñer solución” ao saneamento da ría de Viveiro.
O viveirense Seve Salgueiro, que levou moi de cerca o tema do emisario e o saneamento integral da ría de Viveiro, ve con preocupación xunto con toda a equipa do BNG de Viveiro, a posible perda de fondos Feder europeos destinados ao saneamento da mesma que perigan si non se executan as obras dentro do prazo acordado, un importe que suma un total de 2,7 millóns de euros que poden perderse por culpa duns trámites que o Concello aínda non deu xestionado en dous anos e medio.
A actividade do BNG neste asunto foi continuo, rexistrando en xuño de 2017 unha petición de información sobre o estado do convenio asinado por Concello e Xunta de Galiza, sen obter resposta por parte do Goberno Municipal como de constume, tal e como ocorreu cando preguntamos que ían facer co parque Pernas Peón ou en tantas propostas presentadas polo BNG nos últimos anos. Ademais de formular cuestións no Parlamento Galego e Europeo, realizouse un mural reivindicativo e unha recollida de sinaturas na que participaron unha treintena de colectivos viveirenses. A participación de Seve Salgueiro nesta semana nas xornadas sobre a auga no Parlamento Europeo, xunto coa eurodiputada polo BNG, Ana Miranda, será unha nova oportunidade para esixir solucións, amosar a preocupación da veciñanza de Viveiro e deixar ben claro novamente que “a ría de Viveiro non é un vertedoiro”.
A situación do saneamento de Viveiro esixe, sen dúbida, dunha serie de actuacións urxentes e resolutivas que deteñan a degradación que está a sufrir a ría. O saneamento e a calidade da auga é primordial non só pola importancia medioambiental e na saúde, tamén para a actividade pesqueira e marisqueira.
O BNG organizará na Eurocámara unha xornada sobre a Execución dos fondos europeos para o saneamento de auga en Galiza. Seve Salgueiro, participará nestas xornadas en Bruxelas representando ao BNG de Viveiro, amosando a súa preocupación polo perigo de perda dos 2,7 millóns destinados ao saneamento de Viveiro, procedentes dos Fondos FEDER Galicia 2014-2020 debido á súa falta de execución en prazo; e denunciando os reiterados verquidos na nosa ría incumprindo a normativa europea sobre augas residuais.