Skip to main content
ActualidadeFoz

A futura Residencia e Centro de día de Foz celebrou unha xornada de portas abertas

Por 20 Marzo, 2019Sin comentarios

Centos de persoas asistiron ao acto de portas abertas da residencia de maiores e centro de día de Foz, instalacións que tamén poderán ser visitadas ao longo desta semana.

O alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, deu a benvida a “este pequeno acto de portas abertas da residencia e centro de día de Foz” e agradeceu a presenza “de responsables da empresa IDEA, que vai xestionar este centro durante estes dous próximos anos máis outros dous de prórroga que están contratados co Concello de Foz; de membros do Padroado do asilo e residentes, que serán os primeiros usuarios destas instalacións; e de membros das diferentes asociacións cívicas, culturais, sociais e deportivas do concello de Foz”.

Castiñeira engadiu que o inmoble “é moi funcional, con capacidade para 40 residentes en dúas plantas e outras 40 prazas para usuarios do centro de día”.

O alcalde tamén comentou que “durante esta semana haberá xornadas de portas abertas, a empresa IDEA xa está instalada aquí desde hai varios días para facer a posta a punto de moitos equipamentos e está practicamente todo listo. E teño que felicitalos porque fixeron un labor importante con comerciantes, empresarios e industriais de Foz, que fixeron pequenas achegas para mellorar aínda máis incluso este equipamento, o cal loxicamente agradecemos desde todas as administracións porque non deixa de ser un compromiso máis de toda a xente deste pobo”.

O edificio ten 4 plantas: unha delas é semisótano, onde está a zona de servizos como vestiarios, ximnasio de rehabilitación e as zonas de administración e médica; a planta baixa, onde está o comedor, diferentes salas do centro de día e a cociña; e despois hai as dúas plantas para residentes, que a primeira chámase Rapadoira en homenaxe á nosa praia do centro urbano, e a segunda é a Llas, en homenaxe á praia de Marzán. “É un centro totalmente equipado con aspecto de fogar para os nosos veciños e veciñas, que van ten prioridade no acceso a esta residencia, para o que se fixo unha ordenanza municipal recentemente aprobada. E ademais convocouse unha liña de axudas de máis de 200.000 euros por parte do Concello para todas aquelas persoas que non teñan capacidade económica suficiente; xa se poden xestionar a partir de agora tanto no centro social como aquí, na propia residencia, coa empresa IDEA”, explicou.