Adega organiza unha nova andaina pola vella ruta do ferrocarril na Pontenova

Continuando co programa de roteiros “Fauna d’aquí”, o vindeiro domingo, 24 de marzo, Adega-Lugo organiza unha nova andaina por terras astur-galegas, desde San Tirso de Abres ata A Pontenova, seguindo a Ruta do Ferrocarril, nunha viaxe no tempo para coñecer o pasado da minería do ferro do antigo concello de Vilaoudriz.

Pertencente ás Terras de Miranda e no corazón da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón, a historia de A Pontenova vén marcada polo inicio da explotación dos xacementos de ferro por parte dunha sociedade vasca, a comezos do século XIX, ao adquirir un conxunto de minas situadas no concello de Vilaoudriz (actual A Pontenova). Destas minas extraíanse dúas clases de mineral: o hidróxido de ferro ou limonita e o carbonato cloritoso, que contiña fósforo.

Este último comezaba a cotizarse en Europa co descubrimento do proceso de desfosforación do ferro en fornos de calcinación. Deste xeito, xurdiu o conxunto arqueolóxico industrial dos fornos de calcinación, realizados con cerámica de Sargadelos. A importancia desta actividade levou á construción dunha nova liña de ferrocarril, que se puxo en funcionamento no 1903, para transportar o mineral cara o porto de Ribadeo. En agosto de 1905, inaugurouse o servizo público de viaxeiros, converténdose nun medio de transporte mixto de carga e pasaxe.

Na actualidade, dos case 33 km do trazado ferroviario orixinal, unha terceira parte foi recuperada como itinerario peonil e ciclista, a Vía Verde do Eo ou Ruta do Ferrocarril.

Ao inicio da xornada, visitarase a Aula de Interpretación da Pesca, con distintos materiais antigos de gran calidade relacionados coa pesca de troitas, reos ou salmóns, testemuño histórico da abundancia de salmónidos no Eo. As persoas participantes poderán coñecer máis sobre a bioloxía, comportamento e principais causas da súa regresión, coa colaboración de Javier Méndez, experto en salmónidos, que falará da importancia da pesca sen morte para a súa conservación. Despois, do mesmo xeito que o salmón volta ao seu lugar de orixe para continuar co ciclo da vida, camiñarase pola Vía Verde do Eo, en dirección San Tirso-A Pontenova, seguindo o antigo trazado da liña ferroviaria.

Reserva de praza

A reserva de praza deberá realizarse na páxina web dos roteiros http://roteirosadegalugo.wordpress.com, aínda que tamén será posible facela por teléfono, no 982 240 299 ou no 670 260 440. As prazas cubriranse por orde de inscrición ata o xoves, 21 de marzo, ás 14:00h.

Etiquetas