Xa están en funcionamento os aseos e vestiarios na Casa das Algas en Ribadeo

Xa están operativos os vestiarios e as duchas da Casa das Algas, tralas obras costeadas polo Concello con fondos propios. Unhas melloras das que se beneficiarán as rapazas e os rapaces que practican remo en Ribadeo. 

O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que “por fin e despois de semanas de traballo xa están operativos todos estes aseos, que o Concello con fondos propios decidiu construír na Casa das Algas, aquí na Vilavella, para dar un maior e mellor servizo a todos estes rapaces e rapazas de Ribadeo e da contorna que están agora, nestes últimos anos, impulsando o remo en Ribadeo”.

O rexedor lembrou que “se trata dun deporte que foi moi potente nos anos 80, pero que logo decaeu ata hai uns cinco ou seis anos, momento no que volveu tomar impulso e onde temos ultimamente campioas de España, de Galicia e temos moita xente moi potente, que si a seguimos apoiando desde as administracións lograrán grandes fazañas”.

Para Suárez Barcia “unha fazaña moi importante é que puideran ter auga quente para ducharse, que era o que non tiñan e hai que ter en conta que estes deportes duros coa friaxe da ría, en horarios intempestivos, adestrando non cando queren senón cando a marea o permite… era unha necesidade que por fin vai estar cuberta grazas a este diñeiro de fondos propios e a todos os permisos que tivemos que tramitar, moi complexos porque é unha zona de costa e ten moitas autorizacións sectoriais, tanto autonómicas como estatais, pero por fin as cousas ben feitas chegan a bo porto e por fin estes servizos e estas duchas están operativas”.

Etiquetas