Skip to main content
ActualidadeRibadeo

O PP de Ribadeo denuncia o abandono no que se atopa o polideportivo municipal

Por 21 Marzo, 2019Sin comentarios

O candidato do Partido Popular á Alcaldía de Ribadeo, Daniel Vega, denuncia o total e absoluto abandono no que está o polideportivo municipal situado na rúa Alfredo Deaño e difunde fotos nas que se aprecia ese mal estado das instalacións.

Daniel Vega explica que desta maneira “acredítase, outra vez máis, o abandono absoluto do señor Suárez co deporte ribadense. Invito a todos os veciños a que acudan ao polideportivo onde ten as instalacións Amigos da Gaita, para que me entendan, e poderán observar o estado no que se atopa, nun abandono completo e absoluto: cristais e portas rotos, goteiras a consecuencia das que están os teitos caídos, …”.

Ante esta situación o Partido Popular reivindica “que actúe de inmediato o goberno local do señor Suárez para arranxar ese polideportivo, unha instalación que foi feita con diñeiro público e non se pode amosar tal desprezo polos ribadenses con esas instalacións totalmente abandonadas. Nós xa anunciamos que cando teñamos responsabilidades de goberno vamos actuar de inmediato nesas instalacións. Señor Suárez, é unha petición clara que necesita unha resposta contundente e con total claridade”.

Campo de fútbol Pepe Barrera

Ademais o candidato do PP á Alcaldía de Ribadeo volve pedirlle a Fernando Suárez que “acuda a unha actitude de responsabilidade e que firme xa o convenio que lle propón a Xunta de Galicia, de 46.256 euros, para un fin moi concreto: o arranxo do campo de fútbol municipal. E os 425.000 euros, que é unha subvención da Xunta de Galicia a Ribadeo, os invistan no Pepe Barrera. Son peticións claras, señor Suárez, que merecen respostas sen acudir ao insulto. Vostede a cada petición do PP, a cada rogo que lle fai este servidor responde con insultos. Pero nós vamos seguir facendo propostas coherentes e de sentido común”.

Vega tamén pide explicacións “ao señor Darío Campos, presidente da Deputación que acudiu a Ribadeo a anunciar que vai investir 140.000 euros, pero sabe perfectamente que non ten esa cantidade porque non a aprobou en pleno. Polo tanto pedimos que deixe de mentir e de enganar aos cidadáns ribadenses. Pódense investir de inmediato os 425.000 euros que xa aportou a Xunta e xa están nas contas do Concello e que se firme de inmediato o convenio que lle propón a Xunta de Galicia ao señor Suárez e que son 46.256 euros. Son peticións claras que merecen unha contestación e unha actuación rápida do señor Suárez”.