Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXACervo

Conde reúnese con Alcoa para preparar alegacións ao Estatuto dos Consumidores Electrointensivos

Por 22 Marzo, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo en Santiago unha xuntanza coas empresas electrointensivas galegas para consensuar e identificar as alegacións que se presentarán o luns ao borrador do Estatuto dos Consumidores Electrointensivos elaborado polo Estado. O obxectivo da xuntanza de traballo foi validar as achegas que poidan ser útiles e que poidan dar unha resposta ás empresas electrointensivas permitindo establecer un prezo competitivo da electricidade.

Galicia presentará catro medidas principais, tal e como expuxo o conselleiro, para que se poida dar unha solución e certezas ao sector. Solicitarase, así, e, en primeiro lugar, que se inclúa unha categorización das empresas electrointensivas diferenciando entre consumidores electrointensivos, consumidores altamente electrointensivos e consumidores hiperelectrointensivos co obxectivo de que se poidan atender as necesidades concretas de cada empresa en función do consumo enerxético que teña o seu proceso produtivo.

A segunda proposta céntrase no establecemento de compensacións polo pagamento de renovables, sobre todo, para as empresas que teñan unha maior carga no seu custo enerxético vinculado ao custo das renovables.

Así mesmo, e, en terceiro lugar, pedirase que se habilite o dereito ás compensacións desde o punto vista fiscal e dos descontos por peaxe, dous aspectos que, tal e como afirmou o conselleiro, teñen unha incidencia directa no custo enerxético que teñen que asumir as empresas electrointensivas e que permitiría, segundo engadiu, que, a través das deducións fiscais, como o desconto no sistema de peaxes de transportes, un impacto para responder ás necesidades de prezo enerxético. Trátase de que se estableza unha redución de peaxes e impostos.

A última das medidas que se incluirá nas alegacións estará vinculada aos mecanismos de CO2 co propósito de que se introduzan as compensacións que habilita a propia Comisión Europea derivadas das propias poxas de CO2. A finalidade é permitir unha suficiencia financeira axeitada para dar resposta ás empresas electrointensivas.

O titular de Economía afirmou que son “medidas realistas” e que están aplicando outros países da Unión Europea. Son achegas que xa se incluíron nas primeiras alegacións que se presentaron desde a Xunta e que, tal e como asegurou Conde, o borrador do Estatuto non contempla, polo que se trata agora de concretalas para que se teñan en conta e poder responder, deste xeito, ás necesidades dos traballadores de Alcoa, Ferroatlántica e o resto de empresas electrointensivas.  En palabras do conselleiro “estamos falando dun impacto sobre 5000 empregos en toda Galicia”. 

Conde espera que o Estado sexa “sensible” con estas achegas consensuadas co sector. Galicia pedirá, ademais, como xa fixo hai tres meses, que estas medidas sexan retroactivas desde o 1 de xaneiro co obxectivo de que as empresas poidan ter unha certeza sobre os custos enerxéticos que terán que asumir durante 2019.

O conselleiro apuntou, así mesmo, que a Xunta seguirá traballando, como ata o de agora, “desde a unidade de acción” e con vontade para dar “respostas realistas”. Ademais, indicou que seguirá traballando co Goberno do Estado para identificar posibles investidores para Alcoa para o que precisou que é necesario establecer un prezo eléctrico competitivo. “O Estatuto é o primeiro paso par garantir a viabilidade de Alcoa e do conxunto do resto de empresas electrointensivas”, rematou.