Skip to main content
ActualidadeBurela

O PSdeG de Burela levará ao pleno o nomeamento de Herminia Pernas como nova cronista oficial

Por 22 Marzo, 2019Sin comentarios

No Concello de Burela terá lugar o último pleno ordinario deste mandato o vindeiro xoves, 28 de marzo. Entre os asuntos que se abordarán figuran a proposta de Herminia Pernas como cronista oficial de Burela e tamén a aprobación das obras incluídas no Plan Único da Deputación, entre as que figuran a humanización de rúas como Rosalía de Castro ou Lamestra, melloras na pista multideportiva do parque Rosalía de Castro e na pista de pádel, o plan de emprego 2019 e diferentes investimentos en materia de axuda no fogar, cultura, deportes, turismo ou administración electrónica.

O alcalde, Alfredo Llano, explicou que “o próximo xoves, 28 de marzo, corresponde facer pleno ordinario, que é o último desta lexislatura. Imos levar unha serie de puntos que para min son moi importantes, e o primeiro deles é o nomeamento da cronista oficial do Concello de Burela. Falecido o  cronista anterior, don Benjamín, pasamos a facer a suxerencia de ter unha nova cronista oficial e imos facer a proposta de Herminia Pernas, que é unha persoa coñecida e recoñecida no noso concello pola súa forma de facer as cousas, e polo interese histórico que amosa cada vez que ten ocasión. Creo que é a persoa agora mesmo ideal para que se faga cargo deste nomeamento para continuar a labor dos seus predecesores e facer un bo traballo no aspecto de promoción cultural e histórica do noso concello”.

O rexedor sinalou que “outro punto é sobre a xestión das condicións administrativas do uso das augas. Temos que facer unha xestión, así o acordamos entre Cervo e Burela, para o consorcio que levan os dous Concellos. O consorcio de augas agora mesmo está repartido entre a Xunta e os Concellos de Cervo e Burela. No futuro queremos facer unha mancomunidade para levar a xestión das augas de Cervo e Burela, polo tanto imos facer a cesión administrativa para aquelas cuestións que poidan ser aproveitadas para o consorcio, pensando no futuro que é facer unha mancomunidade de municipios para levar a xestión das augas que nos corresponden aos dous Concellos”.

Alfredo Llano engadiu que “outro punto vai ser aprobar o plan normativo municipal para o ano 2019, e outro punto importante, que imos levar, son as obras do Plan Único. Este plan que nos concede a Deputación a todos os Concellos da provincia e que se pode repartir en varios apartados. Imos facer unha inversión de 226.000 euros aproximadamente nos que van obras como a humanización de Rosalía de Castro, a pista multideporte que temos no parque Rosalía de Castro e á que lle imos dar un cambio importante adaptándoa ás novas posibilidades deportivas. Tamén se van mellorar as pistas de pádel de A Marosa, que imos dotalas de mellor luz e mellor pavimentación. Ademais imos rehabilitar o firme da rúa Lamestra e a praza Antonio Garelli, nas casas baratas, que penso que son unhas obras moi importantes e necesarias para o pobo”.

O alcalde dixo que “imos presentar o programa do servizo de axuda no fogar, cunha inversión de 80.000 euros da achega da Deputacion, o programa de actividades culturais que van ser 19.000 euros, o programa de actividades deportivas que van ser 9.800 euros, e o programa de actuacións de eventos turísticos que van ser 8.500 euros. Tamén levamos o programa de administración electrónica e protección de datos no que imos investir máis de 11.000 euros, e imos facer un investimento no plan de emprego duns 80.000 euros aproximadamente, co que imos ocupar os mesmos postos que o ano pasado. Imos intentar aproveitar ao máximo posible no noso concello este Plan Único da Deputación”.