Skip to main content
ActualidadeMondoñedo

Mondoñedo celebrará unha macro verbena durante 48 horas seguidas entre o 5 e o 7 de abril

Por 25 Marzo, 2019Sin comentarios

Unhas 40 orquestras actuarán de xeito gratuíto en Mondoñedo entre o 5 e o 7 de abril nun macro festival tributo á verbena, organizado pola Asociación Galega de Orquestras (AGO), que se adoita celebrar cada ano e que serve de promoción ás formacións musicais de cara á tempada que comeza.

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, xunto ao edil de Educación e Xuventude, Alberto García, acompañaron esta mañá ao presidente da Asociación Galega de Orquestras, Manolo Fariña, na presentación do cartel deste evento.

Alberto García agradece ao presidente da Asociación Galega de Orquestras que escollesen Mondoñedo para levar a cabo “na nosa cidade este macro festival que traerá ata a cidade as actuacións gratuítas, sen custo para o Concello, de grandes orquestras galegas, que dinamizarán durante estes días a localidade”.

“Apoiamos esta iniciativa e puxémonos á disposición da organización para que este festival de promoción das orquestras tivese lugar en Mondoñedo. Atraerá xente á localidade durante estes días o que, sen lugar a dúbidas se converte nun activo moi positivo para a cidade”, asegura o edil.

Promoción gratuíta

Na Alameda dos Remedios, as formacións poñerán música durante 48 horas seguidas dende as 21.00 horas do 5 de abril ata as 21.00 horas do 7 de abril. O programa da que será a verbena máis longa de Galicia está aberto polo que poderá sumar aínda as actuacións de máis formacións musicais da verbena galega.

A iniciativa musical serve de promoción ás orquestras da Asociación Galega. Haberá dous escenarios nos que cada formación presentará a súa respectiva proposta musical, repertorio e espectáculo, de cara a esta tempada.  A entrada tamén é de balde.