Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXABurela

Manifestación pola sanidade pública mañá xoves 28 de marzo en Burela

Por 27 Marzo, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

A Xunta de Persoal do Hospital da Mariña apoia a manifestación convocada pola Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña.

Nesta convocatoria, a Plataforma Sanitaria da Mariña esixirá ao Goberno da Xunta a eliminación dos recortes, rematar coa situación marxinal da Atención Primaria, a recuperación da área sanitaria roubada, a dotación axeitada dos PACs, a dotación de máis servizos e persoal para o Hospital da Mariña, e a recuperación de todos os servizos perdidos.

Por iso animan ás traballadoras e traballadores a saír ás rúas de Burela este xoves 28 de marzo ás sete e media da tarde na defensa dunha sanidade pública de calidade e de proximidade.

Tamén se suma a este chamamento o alcalde ribadense, Fernando Suárez, que anima a participar na manifestación pola sanidade pública.

A manifestación que sairá do Hospital da Mariña ás sete e media da tarde da xornada de mañá, xoves, e tras percorrer as rúas de Burela rematará na Praza do Concello, onde se dará lectura a un manifesto.

Suárez Barcia sinalou que “desde o Concello de Ribadeo facemos un chamamento a toda a veciñanza para que saian masivamente á rúa a defender a sanidade pública”.

O rexedor considera que “existen motivos de sobra para saír á rúa, desde o aumento das derivacións cara a Lugo que se ven dando desde que se implantou a EOXI no ano 2013, os datos sobre os tempos de agarda para consultas, probas diagnósticas ou intervencións cirúrxicas absolutamente falseados, o desmantelamento da Atención Primaria, que afecta tamén ao noso concello, a Ribadeo, a falta de logopedia, fisioterapeutas, pediatras… E unha ampliación do hospital con máis metros cadrados, pero que non se viu acompañada dos máis e mellores servizos anunciados no seu día polo popular Daniel Vega”.

O alcalde de Ribadeo engade que “por estes e moitos máis motivos, sobran razóns para saír unha vez máis á rúa na defensa dun ben común: a sanidade pública da Mariña, a de todas e todos”.