Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXA

O BNG reunirá en Santiago este domingo a máis dun millar de militantes para o acto de lanzamento de campaña

Por 27 Marzo, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

O BNG arranca a campaña electoral de cara ás citas do 28 de abril e do 26 de maio cun acto multitudinario baixo o lema Agora Galiza que congregará en Santiago de Compostela a 1.200 militantes e simpatizantes, responsables políticos e a todos os candidatos e candidatas ás eleccións xerais, municipais e europeas.

A formación que lidera Ana Pontón mobiliza a toda a súa base organizativa como punto de partida para os actos e mitins que se celebrarán por todas as cidades e comarcas do país, nun proceso de participación para sumar a todas as persoas que, con independencia do que votasen noutras ocasións, queren poñer fin a discriminación de Galiza, empezando por ter voz propia no Congreso e por amplificar a representación no Parlamento Europeo.

“Un acto que simboliza a un BNG coas portas abertas a todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón, que ofrece un proxecto unido e serio, en clara remontada que incorpora militancia tanto de nova afiliación como de persoas que volven ver no Bloque a mellor alternativa para darlle un futuro ao país”, en palabras do coordinador de campaña, Rubén Cela.

O escritor e ensaísta Suso de Toro, o debuxante Kiko da Silva, o actor Miguel Pernas ou a cantante Faia Díaz son exemplos de incorporacións á base militante nos últimos tempos.

En definitiva, “un gran acto para mostrar a un BNG como espazo político aberto que suma ao servizo dos galegos e das galegas,  para levar adiante os cambios que permitan unha Galiza con capacidade de decisión, con benestar social e na que vivir e traballar”, sintetiza Cela.

O encontro nacional que se celebra este domingo 31 no Auditorio de Galiza será conducido polo dramaturgo Quico Cadaval e pola actriz Isabel Risco e contará con música de Jasper. No plano das intervencións políticas,  tomarán a palabra as persoas que encabezan as candidaturas ao Congreso: Nestor Rego por A Coruña, Maite Ferreiro por Lugo, Iago Tabarés por Ourense e Carme da Silva por Pontevedra.

De cara ás citas electorais do 28 de Maio, intervención da candidata ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, e das alcaldesas de Allariz e Moaña, Cristina Cid e Leticia Santos, como exemplo da transformación a favor das persoas da que é capaz o BNG cando goberna en cidades e vilas.

Para dar paso aos candidatos e candidatas ás alcaldías das sete grandes cidades: Francisco Jorquera pola Coruña, Rubén Arroxo por Lugo, Luís Seara por Ourense, Miguel A. Fernández Lores por Pontevedra, Goretti Sanmartín por Santiago, Xavier Pérez Iglesias por Vigo e Iván Rivas por Ferrol.

A intervención da portavoz nacional, Ana Pontón, pechará este encontro nacional que da o pistoletazo de saída a un intenso proceso electoral, que BNG encara convencido de que contará co apoio de todos os galegos e as galegas que queren que Galiza recupere voz propia no Congreso, que queren reforzar o peso do país na Unión Europea e que queren colocar nos concellos un proxecto transformador e de éxito capaz de mellora a vida das persoas, como primeiro paso para o cambio que precisa Galiza.