A concellería de Medio Ambiente de Burela repartiu entre os centros de ensino o libro ‘En Burela amamos a auga’

A Concellería de Medio Ambiente repartiu esta semana entre os centros de ensino unha publicación sobre un ben tan prezado como é a auga. Noelia Mª Ben subliñou que “o obxectivo pasa por concienciar á poboación desde nen@s e moz@s da importancia que ten que fagamos un consumo responsable porque unha pinga é tan importante coma un océano”.

A edil socialista explicou que “para conmemorar o Día Internacional da Auga, que se celebrou o pasado 22 de marzo, desde o Concello de Burela distribuímos esta semana entre os centros de ensino un libro sobre un ben tan prezado como é a auga. Titúlase En Burela amamos a auga e a través deste manual de bos usos trátanse temas sobre o abastecemento e saneamento da auga no noso pobo, canalizacións, fontes, ciclo hidrolóxico, pegada hídrica e importancia do seu aforro e coidado”.

Noelia Mª Ben sinalou que “a acción do ser humano é a principal causa dos problemas relacionados coa auga: hábitos insustentables de consumo, aumento da poboación mundial, escaseza, cambios de clima e contaminación”. E avogou por “prestar unha maior atención á utilización da auga, a coñecela mellor e a valorala; en resumo, a amar a auga e a valorar unha pinga porque é tan importante coma un océano”.

No acto de entrega de libros participaron a concelleira de Medio Ambiente e o alcalde de Burela, Alfredo Llano.

Etiquetas